Ábrese en Pontevedra una nova rúa peonil: Santa Clara

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A apertura ao tráfico do primeiro tramo da rúa de Santa Clara (entre o cruzamento do Estadio da Xuventude e as proximidades do convento) quedou remarcada hoxe coa visita do tenente de alcalde e impulsor das obras, Antón Louro Goyanes.
O tramo, que conta agora cun carril de circulación de 3,50 metros e beirarrúas de máis de dous metros, optimiza tamén os entronques peonís coas rúas de Padre Gaite, Perfecto Feijoo e Álvaro Cunqueiro.
As obras incluíron a substitución integral de todas as vellas tubaxes de subministro de auga, saneamento, pluviais e iluminación pública. Quedaron así solucionados os problemas de avarías, que ocasionalmente se producían, e as inundacións de sotos e garaxes nos días de choiva, agravados ao tratarse dunha rúa na zona baixa da cidade.
Antón Louro felicitou expresamente aos arquitectos municipais que participaron no novo deseño, xunto coa empresa contratista, Eiriña, pola “delicadeza e mimo” con que se proxectou e executou esta actuación. Aludiu tamén ao permanente diálogo cos veciños e comerciantes para minimizar as molestias e ir solucionando, sobre a marcha, as posibles incidencias.
Lembrou que a rúa de Santa Clara está a absorber un orzamento superior aos 800.000 euros e que as obras, de acordo cos compromisos alcanzados, quedarán agora paralizadas ata despois do Nadal. A previsión da Tenencia de Alcaldía é que podan estar completamente rematadas a principios do próximo verán.
A segunda fase de obras cubrirá o tramo intermedio da rúa (ata o aparcamento do HiperFroiz). Trátase do sector patrimonial nesta rehabilitación, posto que se pretende configurar un atrio pétreo fronte á igrexa conventual de Santa Clara. Esta actuación está xa en mans do servizo provincial de Patrimonio da Xunta, que debe informar ao respecto. Finalmente, as obras cubrirán unha última fase, que abrangue a praza de José Martí (incluíndo un parque infantil anexo) para chegar á rúa de Padre Amoedo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar