A Xunta agarda que non haxa novos retrasos

A Xunta de Galicia confía en que non volvan a producirse retrasos no proceso de adxudicación dos floteis que está a levar a cabo Pemex, e agarda que dito proceso termine canto antes e se poida establecer unha data para o inicio dos traballos.

Neste sentido, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, lamentou a demora producida nos prazos, coa conseguinte inquedanza que esta pode xerar nos traballadores do sector naval, se ben avogou por respectar os prazos do proceso desenvolvido pola cuarta petroleira do mundo.

A Xunta de Galicia, subliñou Conde, seguirá a traballar desde a unidade de acción a prol do naval galego, tal e como ten feito ata o de agora. Un esforzo conxunto que permite ao sector rematar o ano 2013 cun importante xiro da situación que se está a reflectir en novos compromisos tanto de Pemex, por valor de máis de 300 millóns de euros para a construción de 5 novos barcos, como de Navantia, co pedido para o deseño dun buque LHD para a armada turca.

Así mesmo, explicou Conde, grazas a colaboración co Goberno central e a cooperación de todo o sector naval, en 2013 conseguiuse artellar un novo sistema de tax lease que xa está a dar os seus froitos coa firma dos primeiros contratos en España.

Neste contexto, o titular de Economía e Industria amosou a súa confianza na concreción de novos contratos cara o 2014, coa adxudicación dos floteis por parte de Pemex así como coas diferentes iniciativas nas que están a traballar Navantia e o resto dos estaleiros galegos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar