Os funcionarios da Xunta poderán acollerse ao teletraballo desde o xoves

Funcionarios Xunta

A partires do vindeiro xoves -o primeiro día laborable do ano- os empregados públicos da Xunta de Galicia que así o demanden poderán acollerse ás fórmulas de flexibilidade horaria e de teletraballo que ata o de agora non estaban reguladas. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola que por primeira vez en Galicia se regula a acreditación, a xornada e horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo no eido da Administración autonómica.

A regulación afecta a case 17.000 persoas entre persoal funcionario e estatutario, persoal que presta servizo nas entidades públicas instrumentais e, no caso do persoal laboral, cando pola súa natureza lle sexa de aplicación. Só queda excluído do ámbito desta Orde o persoal de Xustiza -que xa conta coa súa propia regulación-, o persoal que presta servizo nos centros docentes e o persoal do Sergas, debido ás súas características particulares e á natureza das súas funcións.

Flexibilidade horaria
A normativa establece distintos tipos de xornadas e horarios laborais, así como a posibilidade de flexibilizalos adaptándoos ás necesidades do traballador. Ata o de agora tan só existía un horario ríxido, de 7,45 a 15,15 de luns a venres, e que só se permitía a flexibilidade por razóns de conciliación familiar para persoas con fillos menores de 12 anos ou maiores ao seu cargo.

Coa entrada en vigor desta Orde, establécense tres tipos de horarios, un xeral, un flexible por conciliación familiar e outro de flexibilidade automática. O horario xeral mantense coma ata o de agora, de 7,45 a 15,15 horas, pero co engadido de que os empregados disporán diariamente de 30 minutos para compensar os eventuais retrasos na chegada ao seu posto de traballo.

O horario flexible por conciliación familiar e laboral -que xa existía- continúa afectando a traballadores con fillos menores de 12 anos ou maiores ao seu cargo. Neste caso, dentro dunha marxe entre as 7,30 e as 18,30 horas, á petición da persoa interesada, fixarase un horario diario de referencia. Ese horario de referencia poderase alongar ata as 20,00 horas de luns a xoves e ata as 15,30 horas os venres, sempre que o centro de traballo estea aberto. Os interesados deberán solicitar esta opción, que deberá ser autorizada polo órgano competente.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar