A Xunta actuará como acusación particular no caso do crime de Marín

A Xunta de Galicia comparecerá como acusación popular no caso da muller falecida en Marín (Pontevedra) cuxa parella confesou ser a autora dos feitos, segundo sinalou a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.

En declaracións aos medios tras participar no minuto de silencio convocado na porta principal do complexo administrativo de San Caetano, a secretaria xeral indicou tamén que o Goberno galego se puxo en contacto co irmán da muller, de 45 anos e da que non constaba denuncia por violencia de xénero.

“Sentímonos consternados coa morte de María Isabel”, recoñeceu a alto cargo do Executivo, antes de apuntar que son tres xa as vítimas mortais da violencia de xénero este ano na Comunidade galega.

A este respecto, López Abella, quen estivo acompañada no acto polo vicepresidente da Xunta e os conselleiros de Economía e Medio Rural, entre outras personalidades, agradeceu a sensibilidade da poboación galega e chamou ás vítimas a denunciar a través dos teléfonos gratuítos postos a disposición para tal fin.

Así, lamentou “profundamente” que volva acontecer algo que, segundo subliñou, debe estar “fóra” da sociedade do benestar, unha “lacra tremenda” contra a que avogou por seguir loitando “sen parar”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar