O Centro Demostrador das TIC convértese en escaparate das novas tecnoloxias

CDTIC_Sala_Formación

Dous anos e medio despois do seu nacemento, o Centro Demostrador TIC servíu para difundir 78 iniciativas nas que participaron preto de cincocentas empresas, a modo de escaparate das novas tecnoloxías e de enlace entre a oferta e a demanda de produtos e servizos TIC.

Na sua función de promotor dos novos productos nados en Galicia, esta iniciativa da Axencia de Modernización de Galicia, AMTEGA; está a cumprir os obxectivos que se plantexaron para a sua creación. Un deles era -e está a ser- a promoción do uso das TIC entre as empresas galegas. Así, foron 2010 os profesionais que acudiron as demostracións desde a súa apertura. Asemade, segundo o estudo interno que o propio CDTIC elaborou a principios de 2013, baseado nunha serie de enquisas aos asistentes, máis do 90% afirmaron acceder a produtos, servizos e provedores tecnolóxicos que non coñecían ata entón.

 

PROXECTO DE ÁMBITO NACIONAL

O Centro Demostrador TIC ten como obxectivo facilitar ás empresas do sector tecnolóxico os medios para achegar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos. Está situado no Centro de Novas Tecnoloxías de Conxo en Santiago e constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poden desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis axeitados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de red.es e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxicas.

A través da xeografía española existen outros centros demostradores TIC, froito de convenios de colaboración de red.es con organismos de diversas comunidades autónomas. Así Aragón, Andalucía, Castilla-La Mancha e Extremadura contan con servizos semellantes, e no futuro proxéctanse novos centros demostradores en Canarias, adicado ás tecnoloxías aplicadas ao turismo, e outro en Málaga focalizado en tecnoloxía para cidades intelixentes.

 

DIFUSIÓN DE IDEAS E PROXECTOS

O centro de demostracións, ven ofrecendo as empresas TIC galegas o espazo, o apoio na xestión e difusión, para a realización de sesións demostradoras dos seus produtos ou servizos TIC, a potenciais demandantes dos mesmos. Desde a súa entrada en funcionamento, foron xa 74 empresas galegas as que fixeron uso deste servizo e 93 as solucións amosadas.

Un estudo interno realizado polo CDTIC a principios de 2013, puxo de manifesto que o 30% das empresas tecnolóxicas que realizaron unha presentación pecharon polo menos un contrato, e o 41% recibiron peticións de orzamentos. Estes datos, poñen de manifesto que está na senda axeitada de cara a cumprir con outro dos obxectivos: contribuír a xerar negocio TIC local.

O terceiro obxectivo era achegar a oferta tecnolóxica ás necesidades de innovación dos sectores estratéxicos. Como primeiro paso neste complexo proceso, o CDTIC está a traballar na identificación da oferta tecnolóxica de Galicia a través do Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, o MapaTIC.gal (https://cdtic.xunta.es/mapatic), que se está a consolidar como o directorio de provedores e solucións TIC Galegas, e que na actualidade conta con preto de 225 provedores e máis de 550 solucións TIC.

 

FORMACIÓN, DEMOSTRACIÓNS E REALIDADE VIRTUAL

As instalacións do Centro Demostrador TIC estrutrúranse en tres salas equipadas con tecnoloxía avanzada con diferentes funcionalidades.

Sala de Formación: para o desenvolvemento de xornadas e obradoiros de carácter eminentemente práctico. Está dotada co equipamento necesario para a proxección de contidos 3D e o uso das aplicacións e os servizos multimedia orientados a contidos audiovisuais, entre outras funcións.

 

Sala de realidade virtual.
Sala de realidade virtual.

Sala de Demostracións: para realizar simulacións de entornos de traballo con produtos tecnolóxicos. Trátase de facilitar o encontro in-situ ou virtual entre empresas provedoras de solucións tecnolóxicas e empresas posibles usuarias de tecnoloxía ou innovación tecnolóxica.

Sala de Realidade Virtual: Permite a exposición de contidos audiovisuais e interactivos en tres dimensións así como simulacións avanzadas, videoxogos e reprodución virtual de diversos entornos reais e a interacción cos mesmos.

 

COLABORACIÓN DA REDE CEMIT

Unha das novidades máis importantes introducidas no ano 2013 xurdiu grazas a colaboración entre o CDTIC e a Rede CeMIT, ofertando a posibilidade de seguemento a través de videoconferencia das actividades levadas a cabo, para facilitar a participación de autónomos e micropemes de toda Galicia. Ademais habilitouse a posibilidade de seguir a interactuar cos relatores e participantes nas actividades do CDTIC mediante o uso das redes sociais.

No que respecta ás actividades neste ano 2013 puxéronse en marcha as Semanas TIC Sectoriais, enmarcadas dentro das accións encamiñadas á sensibilización sobre a aplicación TIC aos procesos produtivos da empresas a través dunha estratexia común, e grazas ao esforzo coordinado de diferentes axentes estratéxicos como son a Administración pública e as asociacións empresarias dos sectores implicados.

O téxtil foi o sector protagonista da I Semana TIC no CDTIC celebrada no mes de marzo que reuniu a máis de 130 profesionais de ambos os dous sectores.
Durante esta semana presentouse o Catálogo ModaTIC.gal (http://ficheiros-web.xunta.es/cdtic/documentos/ModaTICgal.pdf), unha mostra representativa de 40 empresas e 5 axentes de innovación no ámbito TIC existentes en Galicia, así como, un conxunto de máis de 70 produtos e servizos tecnolóxicos específicos para o sector téxtil.

Durante o mes de abril preto de 130 persoas asistiron ao “Taller de Emprendemento TIC para o inicio de Actividades” organizado polo Colexio Profesional de Enxeñeiros Técnicos en Informática de Galicia (CPETIG). O obxectivo deste obradoiro era formar a aqueles profesionais que desexen iniciar actividades por conta propia, e para todos eles desenvolveuse unha guía de apoio ao inicio das actividades (http://www.cpetig.org/documentos/EMPRENDEMENTO%20TIC_GUIA%20PARA%20O%20INICIO%20DA%20ACTIVIDADE.pdf).

 

ASESORES TECNOLÓXICOS

En setembro arrancaba o Programa de Asesores Tecnolóxicos en colaboración co Colexio de Enxeñeiros en Informática de Galicia, onde Pemes dos sectores da construción, do mar e transformación de produtos da pesca, agroalimentario e autónomos teñen a súa disposición e completamente de balde un asesor en novas tecnoloxías. Ao remate do programa, estas pemes e autónomos contarán cun completo Plan Director de Implantación TIC totalmente personalizado, onde se identificarán as mellores iniciativas TIC adaptadas as necesidades e obxectivos dos seus negocio.

Tamén en setembro, o CDTIC lanzaba “A Comunicación Comercial no sector TIC” para pemes TIC, un programa centrado na filosofía do Training Comercial, co obxectivo de profesionalizar a figura do “consultor-comercial TIC”, facilitándolle as ferramentas que lle permitan mellorar a súa metodoloxía de venda, a súa capacidade de expoñer en público así como a súa habilidade de adaptar a linguaxe en función das necesidades do cliente. Este programa, tivo unha excelente acollida entre o sector, superando amplamente as prazas ofertadas inicialmente.

 

XESTIÓN CON SOFWARE LIBRE

No mes de novembro, o CDTIC acolleu o Ciclo de Seminarios Prácticos de Xestión Empresarial con Software Libre, no que se amosaron oito solucións tecnolóxicas aplicadas ao negocio. Así os máis de 130 profesionais de diversos sectores produtivos que acudiron a este ciclo de formación, coñeceron da man de provedores TIC galegos de Software Libre, ferramentas de xestión empresarial, tales como, plataformas de comercio electrónico, sistemas de xestión de relación cos clientes ou ferramentas para traballos en grupo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar