O comité de Navantia cree que o acordo “non achegará traballo” en construcción

O Comité de Empresa de Navantia Ferrol cualificou de “positivo” que Turquía seleccionara o equipo formado pola empresa naval pública española e o estaleiro turco SEDEF para o deseño e construción dun buque LHD, similar ao ‘Juan Carlos I’ da Armada española, e catro lanchas de desembarco LCM, pero matizou que “non achegará” carga de traballo en construción ao estaleiro ferrolano.

“Vémolo positivo, non o podemos ver doutro xeito, valorándoo no que é, unha oportunidade económica moi importante, achéganos a posibilidade de posicionarnos de cara a unha renovación da flota turca que se prevé nos próximos anos”, asegurou Ignacio Naveiras, voceiro do Comité de Empresa de Navantia Ferrol, en referencia á previsión de que o goberno turco saque a licitación nun futuro a construción e o deseño para catro fragatas.

Aínda que se anunciou que o acordo suporá a creación de 800.000 horas de traballo, o LHD construirase en estaleiros locais de Turquía, polo que a Navantia lle correspondería a transferencia de tecnoloxía, apoio técnico e traballo principalmente de enxeñaría.

Neste sentido, Naveiras recordou que non servirá para dotar de carga de traballo á “maior parte de actividades que se desenvolven no estaleiro” de Navantia Ferrol e Fene “de xeito físico”, como electricidade ou aceiros, e onde se xera a maior parte do emprego e do traballo para a industria auxiliar.

O equipo principal de Navantia na ría ferrolana conta con preto de 2.300 traballadores. Na actualidade, o estaleiro non dispón de ningún barco en construción -o último, o segundo LHD para Australia, abandonou o estaleiro este mes de decembro-, o que supuxo a perda de máis de 2.400 empregos de empresas auxiliares que traballaban no estaleiro, e está a xerar sub actividade no equipo principal.

O voceiro do Comité de Empresa tamén preferiu a “cautela” en torno ao anuncio realizado pola subsecretaría de Industrias de Defensa de Turquía, posto que “non está marcado” temporalmente”. Tras a selección dos gañadores do concurso, aínda se abre a negociación previa á sinatura do acordo.

Á ESPERA DA DECISIÓN DE PEMEX O 30 SOBRE OS FLOTEles

Tras o anuncio realizado por Turquía, os traballadores esperan que o ano finalice con outro, o que podería chegar de Mexico o próximo luns día 30. Está previsto que ese día a petroleira Pemex resolva o concurso para a contratación de dous barcos hoteis -floteles- aos que optan Navantia e o estaleiro vigués Barreras, a través da alianza con PMI internacional.

A construción do flotel xeraría carga de traballo para unhas 500 persoas no estaleiro de Ferrol, no seu momento álxido.

Non obstante, Naveiras puntualizou que “hai que ser cautelosos porque un contrato público ata que estea adxudicado non se pode dar por feito”, e recordou que a presentada por Navantia é “a segunda mellor oferta económica”.

Precisamente, o pasado 16 de decembro, a visita ao estaleiro de Barreiras do número dous de Pemex, Carlos Roa, sementara dúbidas sobre as opcións da empresa naval pública española, ao admitir que se no concurso PMI obtiña o primeiro lugar, se construirían os dous floteles, un en Barreiras e outro en Navantia. Pero en caso de quedar en segundo lugar, só habería un encargo, para o estaleiro vigués, do que Pemex adquiriu o 51% do conxunto de accionistas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar