O complexo sanitario de Ourense contará cun novo edificio de hospitalización

chou

Dentro do compromiso de seguir dando cumprimento ao compromiso de modernizar os distintos hospitais públicos da rede do Sergas, o presidente da Xunta avanzou hoxe, tras o Consello, que no primeiro trimestre de 2014 comezarán as obras de ampliación e modernización do Hospital público de Ourense. “Temos completado ou iniciado ese compromiso en todas as grandes infraestruturas: rematamos na pasada lexislatura o hospital público de Lugo, estamos construíndo o maior hospital público de España en Vigo, estamos tramitando o hospital público de Pontevedra, a piques de entregarse a ampliación do Hospital público da Coruña, temos desbloqueada a ampliación do Hospital Público do Salnés e, hoxe, tócalle o turno ao Hospital público de Ourense”, aseverou.

Durante a rolda de prensa do Consello da Xunta, Feijóo lembrou que o compromiso do Goberno galego con Ourense ten sido constante desde o principio da lexislatura e tense manifestado en múltiples vertentes: “no ano 2014, poñeremos a disposición da Administración xudicial o novo edificio de xulgados na cidade; estamos impulsando a través do Plan Impulsa Ourense a capacidade de atraer investimentos; puxemos a disposición o pasado ano a autovía de Ourense-Celanova e, en materia de Ordenación do Territorio, estamos apoiando o Plan xeral de Ordenación Urbana”.

No eido sanitario, e en relación ao CHUO, o presidente autonómico subliñou que están rematados os trámites necesarios para proceder á adxudicación definitiva da ampliación do CHUO que supón un novo edificio de hospitalización completa para albergar 900 camas.

 

“Nos primeiros días do ano 2014, firmarase a adxudicación deste contrato, unha vez solventado os trámites da mesa de contratación, que inclúe un bloque de hospitalización, un bloque de servizos xerais e un aparcadoiro. Estamos a falar dunha nova construción de 50.000 metros cadrados de superficie hospitalaria: cunha mellor atención nos sete andares de hospitalización e arredor de 900 camas; cunha maior accesibilidade, xa que contará cun parking de máis de 700 prazas; e cunha maior innovación, xa que grazas á centralización en Ourense dos investimentos do Hospital 2050, este complexo incorporará os últimos avances en materia de tecnoloxías sanitarias”.

Logo de precisar que se destinarán arredor de 41 millóns na execución desta primeira fase das obras do CHUO, o presidente da Xunta subliñou que se trata dun proxecto real, ambicioso e que non ten volta atrás.

Así mesmo, afirmou que con este proxecto Ourense ponse á altura das mellores infraestruturas sanitarias de España e de Europa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar