A Deputación de Ourense inicia o plan de mantemento das estradas

Sinatura do plan piloto cos catro alcaldes.
Sinatura do plan piloto cos catro alcaldes.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou hoxe cos alcaldes dos concellos do Carballiño, Argimiro Marnotes; Carballeda de Valdeorras, María del Carmen González; Muíños, Plácido Álvarez, e co Concello de Parada de Sil, representado polo se tenente de alcalde, Manuel Rodríguez, un convenio de colaboración para a conservación e explotación de estradas municipais. Con este acordo a Deputación de Ourense e estes catro concellos adiántanse á entrada en vigor da Lei de racionalización e sostibilidadade da Administración Local porque este novo texto lexislativo fixa determinadas competencias no que atinxe ao mantemento das estradas, o acceso a núcleos de poboación e á pavimentación de vías urbanas, correspondéndolle á Deputación a coordinación destas actuacións nos concellos de menos de vinte mil habitantes.

No acto de sinatura do convenio, que tivo lugar esta mañá no parque de maquinaria da Deputación de Ourense, situado no polígono de San Cibrao das Viñas, Manuel Baltar dixo que este plan piloto se pon en marcha en catro concellos que teñen unhas características especiais: Parada de Sil, un concello de alta montaña e pouco poboado; Carballiño, un concello con moito tráfico; Carballeda de Valdeorras, con importantes explotacións no sector da lousa, e Muíños, un concello próximo a Portugal, e todos eles cunha rede de estradas de titularidade municipal que contan con 50 quilómetros de media, a excepción de Carballiño que se achega aos 90 quilómetros de estradas municipais”.

O convenio terá vixencia ao longo de 2014 e establece a creación dunha comisión de seguimento integrada pola deputación e os catro concellos. Ten como obxectivo que a Deputación de Ourense “asuma –como ven facendo nas vías de titularidade provincial- o mantemento e a explotación destas estradas locais, levando a cabo labores de mellora do firme, regas asfálticas, aplicación do dispositivo de vialidade invernal, xestión da biomasa e sinalización, é dicir, a completa conservación e mantemento das vías de titularidade municipal”, explicou Manuel Baltar.

O presidente provincial afirmou que a Deputación fai este plan piloto con estes catro concellos en 2014 para, despois, coa valoración realizada nesta actuación poder estendelo a todas as vías de titularidade municipal da provincia de Ourense, “o que supón un paso moi importante para a seguridade viaria e o mantemento das estradas da nosa provincia”. Baltar subliñou que a deputación “conta con medios técnicos e humanos para afrontar esta actuación e ten a posibilidade, dentro da economía de escala, de obter mellores prezos e máis competitivos, prestando así un servizo máis aos concellos, que é a nosa vocación: actuar como plataforma de prestación de servizos ás entidades locais da provincia de Ourense”.

As estradas de titularidade local na provincia de Ourense suman en total preto de 5.000 quilómetros, aos que hai que engadir 1.840 de titularidade provincial. Todos eles conforman unha importante rede da cal a deputación asume o reto de procurar o seu mantemento e conservación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar