O “Outono Lírico” de Vigo pechou con “Il Trovatore”

El trovatore_Giusepe Verdi_Vigo_arquivo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu onte á representación da ópera ‘Il Trovatore’, de Giusseppe Verdi, coa que se pecha o ciclo ‘Outono Lírico 12+1’, ao abeiro do cal o seu departamento – a través da Secretaría Xeral de Cultura- e a Asociación de Amigos da Ópera de Vigo, aproximaron a mellor ópera aos escenarios da cidade da oliveira. Á representación asistiu ademais o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

O Centro Cultural Novacaixagalicia acolleu esta representación, cun reparto que incluíu as voces de Carmen Solis, Nuria Lorenzo, Xabier Galán e Eduardo Sandoval, e do Coro Universitario de Vigo. Participaron, así mesmo, a Orquesta Sinfónica 430 de Vigo, Francisco Antonio Moya, como director; e Ignacio García como responsable da dirección escénica. Esta produción que se representou hoxe ne Vigo é a mesma da que se puido gozar en temporadas tan importantes como a de Sevilla.

A colaboración entre Amigos da Ópera e a Consellería, a través do protocolo asinado o pasado mes de outubro, establece un marco de traballo e cooperación para o impulso da actividade musical e operística, incentivando o acceso ás manifestacións culturais na cidade da oliveira.

Desde o pasado 4 de outubro Vigo foi o escenario de obras de tanto peso como ‘El amor brujo’ de Manuel de Falla, a zarzuela ‘La del manojo de rosas’, de Pablo Sorozábal; ou o propio ‘Il Trovatore’, de Verdi. Así mesmo, dedicáronse dúas actuacións a celebrar os bicentenarios de Verdi e Wagner, a través dun concerto do pianista Severino Rey Ortiz sobre as óperas de Verdi e das ‘Paráfrases de Liszt sobre as óperas de Wagner’, executadas pola concertista francesa Anne Boëls.

Ademais, no marco deste Outono celebráronse dúas conferencias e unha mesa redonda centradas en Wagner e Verdi, da man de Guillermo García Alcalde, que afondou na escenografía de Wagner; de Andrea Merli, que impartiu o relatorio ‘O Verdi hispánico’; e de Victoria Stapells, Arturo Reverter, Carlos E. Pérez e Daniel Diz, participantes na mesa redonda “Il Trovatore de Verdi. La eterna Ley del Deseo”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar