A obra de Alexandro, Lamazares e Vidal Souto, no Centro Cultural de Ourense

Alexandro_Lamazares_Vidal Souto_exposición conxunta Ourense
A mostra, inaugurada onte, estará aberta ao público ata o mes de febreiro e exhibe medio cento de obras destas tres destacadas figuras da plástica en Galicia.

No Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense tivo lugar onte a presentación da exposición “Alexandro Antón Vidal”, unha mostra conxunta dos tres artistas plásticos ourensáns Alexandro, Antón Lamazares e Vidal Souto, un acto que contou coa presenza, ademais dos pintores, do vicepresidente da deputación, Rosendo Fernández; do director do Centro Cultural, Francisco González; da xefa territorial de Cultura, Mercedes Gallego, do asesor de Cultura da Deputación, César Fernández, e do comisario e coordinador da exposición, Miguel Santalices.

TRES ARTISTAS DE PRESTIXIO

A mostra exhibe medio cento de obras -a maioría de gran formato- destas tres destacadas figuras da arte en Galicia, “os tres artistas de máis prestixio na plástica galega actual”, como os definiu Miguel Santalices, quen loubou a “actitude de xenerosidade destes tres amigos que, ademais, son grandes creadores”.

A exposición exhibe tanto obras actuais –principalmente de Alexandro e de Vidal Souto- e pinturas que amosan unha traxectoria –como é o caso de Lamazares, que colga obras datadas dende os anos oitenta ata a actualidade-. Todas elas “permiten gozar ao espectador dese capital intanxible pero fermoso como é a creación pictórica, que, neste caso, ven da man destes tres grandes artistas ourensáns”, explicou Rosendo Fernández.

O catálogo da exposición, presentado hoxe, inclúe textos explicativos das obras asinados por Luis González Tosar, Jaime Noguerol, António Gonçalves, Tareixa Taboada e Manolo Figueiras.

É a primeira vez que a arte galega reúne a tres dos máis grandes creadores contemporáneos de Galicia e faino no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, logo da exitosa exposición “Pure Pop Arte”, que bateu record de asistencia con preto de 15.000 visitantes. Agora o trunfo da estética, das cores, das sensacións e da perspectiva enchen as salas expositivas do centro cultural ourensán para falar de vivencias e de pegadas na historia, traducidos por pinceis ás veces intuitivos, ás veces academicistas, e por impactos no lenzo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar