O plan “Transforma Ourense” será apoiado polo Ministerio de Industria

Transforma Ourense-Baltar-Fernando Bayón_fundación escola organización industrial

Destinaranse 212.000 euros para o desenvolvemento de iniciativas innovadoras que melloren a competitividade das empresas ourensás e para un programa de bolsas para titulados universitarios.

O Ministerio de Industria e a Deputación de Ourense acordaron hoxe darlle un pulo importante ás pequenas e medianas empresas da provincia de Ourense co desenvolvemento dun importante programa de apoio empresarial, o Plan “Transforma Ourense”, que ten como obxectivo mellorar a innovación tecnolóxica das pemes e incrementar a súa competitividade. O presidente provincial, Manuel Baltar, e o director xeral da Fundación Escuela de Organización Industrial, Fernando Bayón, asinaron esta mañá un convenio de colaboración que se materializará na posta en marcha no vindeiro ano 2014 de accións de I+D+i que teñen como finalidade mellorar a competitividade das pemes ourensás para favorecer a creación e consolidación de empresas de base tecnolóxica e potenciar o tecido empresarial ourensán.

O Plan “Transforma Ourense” busca aumentar o potencial innovador das pemes da provincia de Ourense e comprende accións enfocadas ao coñecemento da realidade empresarial e ao estudo das necesidades de cada sector, ademais de estimular o desenvolvemento de ideas empresariais, favorecer o intercambio de material tecnolóxico entre as empresas e axilizar o acceso a toda a información en temas relacionados coa innovación: proxectos, guías de I+D+i e innovación.

O plan conta cun orzamento de 200.000 euros, entre as achegas da Deputación de Ourense e da Escuela de Organización Industrial con cargo ao Programa RISC, que conta co financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Energía y Turismo.

Bolsas formativas

Nesta mesma liña de colaboración coa Escuela de Organización Industrial, a Deputación de Ourense, a través do Inorde, ven asinar un convenio para o curso académico 2013-2014 para realizar un programa formativo dirixido a titulados universitarios nacidos en Ourense ou residentes na provincia, unha iniciativa que ten por obxecto potenciar o intercambio de información e a promoción e mellora das condicións económicas e sociais da provincia de Ourense. Articúlase mediante unha serie de máster presenciais de postgrao –en Sevilla ou Madrid- e un Máster Executive on line.

Poderán ser beneficiarios destas axudas para a formación de alto nivel as persoas da provincia que finalizaran os seus estudos universitarios nos últimos cinco anos. As bases da convocatoria favorecerán ás persoas en situación de desemprego. Nesta primeira edición do programa, os alumnos só abonarán o 15% do custe do máster, repartíndose o importe restante entre a Escuela de Organización Industrial que aboará un 30% e o Inorde que contribuirá co restante 55% do importe do programa.

A Escuela de Organización Industrial oferta másters de diferente natureza, entre os que se atopan, dentro da modalidade on line, accións en materias de “Enerxías Renovables”, “Dirección de Empresas Turísticas”, “Administración e Dirección de Empresas” ou “Dirección de Empresas Industriais e Tecnolóxicas”. Na modalidade presencial, destacan os máster en “Enxeñería e Xestión Medioambiental” ou “Enxeñería e Xestión da Auga”, entre outros.

No marco deste convenio, a Deputación de Ourense destina un orzamento de 12.000 euros e reafirma o seu compromiso por unha formación de calidade.

PRIMEIROS PASOS DE “TRANSFORMA OURENSE”

Baltar_Transforma Ourense

Ourense, primeira provincia na que se impartirá un programa especializado en xestión agrícola e forestal, polo que xa se interesaron outras Cámaras españolas.

Os presidentes do Inorde e da Cámara de Comercio, Manuel Baltar, e Celso Barbosa, e o director xeral da Fundación Incyde, Javier Collado, asinaron hoxe en Ourense senllos convenios de colaboración, no marco do Plan “Transforma Ourense”, que teñen como obxectivo a creación e consolidación de empresas nos ámbitos agrícola e forestal e o fomento do cooperativismo.

Desta maneira, a provincia de Ourense é a primeira de España en poñer en marcha un proxecto formativo destas características, polo cal xa se teñen interesado outras Cámaras españolas, que servirá para impulsar iniciativas emprendedoras en xestión agrícola e forestal.

Manuel Baltar, Celso Barbosa e Javier Collado asinaron os convenios que permitirán desenvolver os ditos programas, cofinanciados polo Fondo Social Europeo a través do Programa Operativo de Adaptabilidade e Emprego (2007-2013), e que a Fundación Incyde ten aprobado por decisión da Comisión Europea.

As achegas económicas por parte do Inorde serán de 9.000 euros para cada programa e por parte da Fundación Incyde, de 36.000 euros, “acordos que están integrados no Plan “Transforma Ourense” que está a desenvolver o Inorde con diferentes liñas de actuación nos ámbitos da internacionalización de empresas, a formación, a consultoría especializada e o asesoramento empresaria para explorar novos mercados e novas fórmulas de xestión que permitan xerar emprego e que dinamicen o desenvolvemento económico da provincia de Ourense”, destacou Manuel Baltar.

O presidente do Inorde agradeceu a colaboración da Cámara de Ourense e da Fundación Incyde por apoiar este compromiso, “para que entre todos poidamos contribuír ao apoio ao emprendemento e a loita contra o desemprego, que é a nosa máxima prioridade”, dixo Baltar, quen subliñou que o Plan “Transforma Ourense” verase potenciado nos anos 2014, 2015 e 2016 coa aprobación por parte do Goberno central de iniciativas dirixidas ao emprendemento en Ourense, “porque temos que sacar partido das “oportunidades” que ofrece a nosa provincia, tanto no sector primario como en outros, pois son moitos e bos os exemplos que temos nos ámbitos agroalimentario, textil, vitivinicola e na lousa, entre outros”.

Os convenios que hoxe se asinaron refírense a iniciativas dirixidas a emprendedores que queiran desenvolver e facer realidade o seu proxecto, e a empresarios que queira mellorar a rendabilidade da súa empresa ou avaliar outras alternativas de expansión. Neste senso, o Inorde plantexou a necesidade de centrar a atención no potencial dos sectores agrícola e forestal da provincia de Ourense, dúas actividades que representan máis do 30 % do PIB ourensán.

Asemade, o modelo das cooperativas ofrece solucións pola súa versatilidade e capacidade de adaptación, e ten demostrado a súa capacidade para manter e crear empregos no medio rural. Só na provincia de Ourense hai preto de 200 cooperativas censadas e que abranguen máis de vinte sectores, con predominio das actividades agrícolas e gandeiras.

O presidente da Cámara, Celso Barbosa, agradeceu a colaboración do Inorde e da Fundación Incyde, afirmando que este acto “é unha mostra máis do compromiso que a Cámara mantén cos emprendedores e coas pemes ourensáns, avaliado polas 68 iniciativas empresariais que a entidade cameral axudou a poñer en marcha este ano”.

Pola súa banda, Javier Collado, subliñou o feito de que fose Ourense a primeira provincia de España na que se pon en marcha este proxecto de emprendemento agrícola e forestal e loubou a “celeridade e practicidade” coa que ten traballado o Inorde para facer realidade en tempo récord este proxecto que, sen dúbida, será unha boa nova para emprendedores e para empresas da provincia de Ourense”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar