Igualdade súmase ao traballo solidario da fundación “Amigos de Galicia”

Susana López Abella, no almacén de "Amigos de Galicia".
Susana López Abella, no almacén de “Amigos de Galicia”.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou esta mañá as instalacións da Fundación Amigos de Galicia para coñecer de primeira man o programa de recursos integrais para mulleres vítimas de violencia de xénero -ou en risco de sufrila- que subvencionou a Xunta.

O programa recibiu 40.000 euros a través da orde de entidades de iniciativa social e atendeu a preto de 400 mulleres que estaban a sufrir ou poderían estar en risco de sufrir violencia de xénero e que, na súa maioría, contan con cargas familiares que asumir. O perfil maioritario das beneficiarias é de mulleres desempregadas entre os 25 e os 54 anos.

O programa da Fundación Amigos de Galicia da continuidade a un plan de axuda de 2012, tamén orientado a mulleres que sofren, sufriron ou están en risco de sufrir violencia de xénero; e centrouse en poñer en disposición destas mulleres todos os recursos xurídicos, psicolóxicos e sociais ao seu alcance.

Con este obxectivo traballou un equipo humano formado por unha traballadora social, unha psicóloga e unha orientadora laboral, así como persoal encargado do asesoramento xurídico das usuarias. Ademais de asesoramento psicolóxico e/ou emocional, o equipo orientou as participantes dos recursos dispoñibles nas distintas administracións públicas e entidades privadas, e ofreceu varios cursos formativos para fomentar as súas capacidades.

Mediante o proxecto pretendeuse desenvolver todas as accións precisas en cada caso concreto, favorecendo a autonomía e a independencia das mulleres e evitando calquera forma de maltrato. Así, leváronse a cabo accións de asesoramento e orientación a nivel psicolóxico e capacitación a nivel formativo para obter por si mesmas e mediante a súa inclusión no mercado laboral, recursos que lle facilitasen unha independencia financeira.

Ademais, realizáronse itinerarios de inserción personalizada para acadar a integración no mercado laboral, ou no seu defecto, un desenvolvemento das súas capacidades que puidese quedar de manifesto no currículo; ofertóuselles un servizo de ludoteca -que permitise a conciliación da vida familiar e laboral- e facilitóuselles información sobre recursos e prestacións e asesoramento xurídico para trámites que puideran derivar da situación de maltrato. Tamén se traballou no fomento da autoestima, promocionando a súa relación con outras mulleres que superaran unha situación de violencia de xénero.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar