Galicia demanda de Madrid máis fondos para a asistencia xurídica gratuita

Rueda_sectorial de Xustiza_Madrid

O Goberno galego defende que unha porcentaxe da recadación obtida trala implantación das novas taxas xudiciais vaia destinada a sufragar a Asistencia Xurídica Gratuíta que, no caso de Galicia, asume a Administración autonómica. Así o expuxo o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras participar na Conferencia Sectorial en materia de Xustiza celebrada hoxe en Madrid, unha xuntanza da que salientou o seu carácter construtivo.

Segundo explicou Alfonso Rueda, a maioría das comunidades autónomas –e entre elas Galicia- expresaron o seu apoio ao compromiso inicial do Ministerio de Xustiza de que esas taxas sirvan para financiar a quenda de oficio, e demandaron que se manteña esa proposta.

No relativo á nova Lei de Demarcación e Planta na que traballa o Goberno central, Rueda insistiu en que a Xunta só coñece as liñas xerais da reforma -que apostan por unha distribución provincial- e por iso fixo un chamamento ao ministerio para coñecer canto antes a súa proposta e poder así mellorala e enriquecela.

Segundo explicou o vicepresidente da Xunta, o desenvolvemento desta proposta ten que caracterizarse por un diálogo constante, o traballo conxunto entre ambas administracións e o respecto ás peculiaridades de Galicia, que é “a segunda Comunidade do Estado español con máis partidos xudiciais”. Neste senso, avogou porque desde o Ministerio se estableza unha canle de participación específica a través da cal as comunidades autónomas poidan realizar as consideracións oportunas.

Por último, o vicepresidente da Xunta expresou a súa felicitación ao Ministerio de Xustiza polo seu espírito de cooperación e coordinación, sobre todo en eidos tan importantes como o da implantación das novas tecnoloxías no ámbito da Xustiza. A este respecto, Rueda puxo como exemplo a colaboración directa entre o Ministerio e a Xunta con propostas pioneiras que logo se estenderon ao resto de España.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar