A voz e a música de Rosa Cedrón, na Catedral de Ourense

Rosa Cedrón_catedral Ourense_ 1

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, levou onte á tarde a música de Rosa Cedrón á catedral de san Martiño, en Ourense, un concerto ao que asistiu o titular do departamento, Xesús Vázquez Abad. A intérprete ofreceu un recital enmarcado no seu último proxecto, no que repasa os grandes temas da nosa historia musical, e que compatibiliza coa gravación do seu segundo álbum en solitario.

Na actualidade Cedrón desenvolve tamén numerosas colaboracións con Mike Oldfield, participa en proxectos paralelos como o “Cantando a Galicia” ou o iniciado con Cristina Pato, “Soas” e é colaboradora habitual da Televisión de Galicia.

OBRAS DA CATEDRAL

Neste contexto o conselleiro puido ademais comprobar o avance das obras que se están a realizar na catedral, un templo no que o seu departamento ten investido desde 2011 máis de 747.000 euros. De feito están xa a piques de rematar as obras no Pórtico do Paraíso, que atenden á restauración da policromía dos seus elementos, así como á restauración de varios elementos escultóricos da contrafachada, en concreto da escultura sedente do rei Salomón e do grupo de anxos e capiteis.

Así mesmo, anunciou que xa está asinado o contrato para que en poucos días podan comezar as obras na Capela de San Xoán, tamén na catedral, co fin de que este espazo se volva a abrir ao público. Para iso, vaise actuar sobre as vidreiras, o retablo, os paramentos exteriores e interiores. Así mesmo, corrixiranse os problemas de humidade e farase un saneamento do patín norte.

OUTRAS ACTUACIÓNS

Cómpre lembrar ademais que a Consellería ten contratada a redacción dun estudo previo específico para a restauración– que xa foi entregado á Consellería e que está sendo supervisado e avaliado polos servizos técnicos – da portada ornamental do cruceiro norte da catedral que sufre os procesos de erosión e desgaste producidos polo paso tempo e outro factores ambientais. O traballo técnico de estudo previo á restauración inclúe a realización de diferentes probas analíticas e unha documentación exhaustiva que permita definir con precisión os procedementos, os materiais, os tempos e o custe da intervención precisa para garantir a recuperación e conservación dos valores artísticos da catedral, actuando nesta zona sobre os elementos pétreos ornamentais.

 

 

Rosa Cedrón_catedral Ourense_ 2

Estas actuacións veñen a dar continuidade ás xa realizadas pola Consellería nos anos 2011, 2012 e no que xa vai do 2013, que permitiron realizar reparacións puntuais e traballos de mellora da impermeabilización nas cubertas e terrazas da Catedral, actuando sobre os enlousados e tellados, principalmente na zona contígua á torre norte e das naves do cruceiro. Ademais a Consellería xa ten prevista e contratada a redacción do proxecto da segunda fase de restauración das cubertas.

Ademais, os investimentos destináronse á restauración do órgano catedralicio e das pinturas murais e retablo da parte sur do nártex, iniciando con esta actuación a conservación e recuperación deste espazo arquitectónico que preside o Pórtico do Paraíso.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar