A Coral de Ruada rende homenaxe a Prado Lameiro no 70 aniversario do seu pasamento

Baltar_Coral de Ruada

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do número 10 da revista da Coral de Ruada, número extraordinario que está dedicado ao intelectual galeguista Xabier Prado “Lameiro”, no 70 aniversario do seu pasamento. O acto contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente da Coral de Ruada, Eladio Quevedo; o os vicepresidentes da entidade, Emilio Rodríguez, coordinador da revista, e Samuel Lago.

Manuel Baltar destacou que a revista que hoxe presentamos “máis que revista é un libro, pola calidade e fondura dos temas que trata”, e sinalou o carácter de “embaixadora da nosa cultura” que ten a Coral de Ruada, “representando a Ourense a á Ourensanía aló por onde vai, dende aquel 5 de outubro de 1918 en que naceu este agrupación coral, institución fulcral na historia cultural e social da nosa provincia”.

O presidente provincial destacou que neste ano 2013 a Coral de Ruada foi distinguida coa Medalla Castelao de Galicia en recoñecemento aos seus 95 anos de historia, “pola súa implicación coa xente, a cultura e a terra, unha identificación co noso, no que a Coral de Ruada ocupa un lugar senlleiro”.

A publicación, patrocinada pola Deputación de Ourense, recolle neste número extraordinario artigos, novas e reportaxes sobre a figura do cofundador da Coral de Ruada e escritor galego Xabier Prado “Lameiro, co gallo do 70 aniversario do seu pasamento. Neste senso, a revista publica un suplemento especial de Xaquín Vales “Xocas”, titulado “Homenaxe a Xabier Prado e edición da súa obra”, así como un amplo espazo dedicado aos premios Xabier Prado “Lameiro”, instituídos pola Coral de Ruada. A revista ten unha tirada de 600 exemplares e será distribuída gratuitamente entre os coralistas, “Amigos da Coral”, prensa, institucións, bibliotecas, centros galegos e outras entidades. Ademais das seccións habituais, a publicación incorpora neste número a denominada “Galería de retratos vivos”, no que se destaca a coralistas aínda en activo, xunto con outros apartados como análise musical, recanto literario e actividades da coral.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar