O Goberno galego, satisfeito polas iniciativas de colaboración entre concellos

Feijóo_Consello_121213

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, tras o Consello da Xunta, que primar as solicitudes conxuntas de varios concellos permitiu un nivel de colaboración municipal inédito, con máis de 15 millóns de axudas para proxectos compartidos. O que supón que o 30% do total das axudas concedidas teñan como beneficiarios concellos que actúan de forma colaboradora.

 

O responsable do Executivo autonómico precisou que neste primeiro ano, en total, a Xunta ofreceu incentivos ás solicitudes compartidas por varios concellos en vinte ordes de axudas. E resaltou que en sete destas ordes, a totalidade das solicitudes conxuntas foron atendidas: foi o caso das convocatorias das axudas para agrupacións de voluntarios de protección civil, promoción do uso da lingua galega, redución do abandono escolar, equipamento e mellora de locais culturais, proxectos de prevención de drogodependencias e condutas adictivas, realización de actividades dirixidas á xuventude e entidades locais enmarcadas no Servizo de voluntariado xuvenil.

Noutras ordes, a porcentaxe de solicitudes conxuntas que resultaron beneficiarias dobra ou triplica á das solicitudes individuais que acadaron o mesmo obxectivo. Así, nas axudas do Fondo de compensación ambiental resultaron beneficiarias o 79% das solicitudes conxuntas; e, no caso das axudas para contratar técnicos de orientación laboral, resultaron beneficiarias o 88% das solicitudes conxuntas.

Así mesmo, Feijóo destacou que a solicitude de forma conxunta permite ampliar e maximizar a cobertura dos servizos. Así, grazas a isto, a Xunta está a financiar o mantemento de 18 Centros de Información ás Mulleres (CIM) que atenden a 80 concellos; a organización de 29 obradoiros de emprego para traballadores de 114 concellos; ou a posta en marcha de 31 proxectos de renovación das instalacións de iluminación pública exterior que están a beneficiar a algo máis de cen concellos.

O titular da Xunta salientou que o Goberno galego seguirá a apostar por este camiño. “Canto máis cooperación entre concellos, máis cofinanciamento para os concellos. Esta é unha fórmula que está empezando a dar xa os resultados pretendidos e que pode seguir dando resultados nas próximas convocatorias da Xunta. A nosa decisión é seguir incentivando a colaboración na prestación dos servizos públicos dos concellos en Galicia porque é bo para os concellos e para a Xunta, pero sobre todo é bo para os galegos”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar