Campaña de Nadal na Praza de Abastos de Compostela

Praza de abastos_productos mercado_Santiago_2

Ponse en marcha a campaña de Nadal da Praza de Abastos de Santiago, que nesta edición incrementa a súa dotación en premios, superando os 11.000 euros. Os seus detalles foron presentados nunha rolda de prensa na que participaron a xerente do Mercado de Abastos de Santiago, S.Coop. G., Marta Rey; o seu presidente, José Fernández; e a concelleira de Mercados, Reyes Leis.
Baixo o lema “Planifica na Praza o teu mellor Nadal”, a campaña quere transmitir aos consumidores que neste espazo poden atopar “os mellores ingredientes e sabores, o mellor aforro, o mellor servizo, os mellores brindes…”. Trátase tamén de premiar aos compradores que merquen nestas datas na Praza de Abastos.

O premio de maior contía será de 1.000 euros en vales desconto, para que o afortunado ou afortunada planifique mellor o seu Nadal. Este agasallo traerao Papá Noel o 24 de decembro, data na que se realizará o sorteo. Para participar, haberá que cubrir as tarxetas que se atoparán na Praza cun mínimo de tres tíckets de tres sectores diferentes, que sumen un total mínimo de 10 euros.

Pero tamén haberá 100 premios de 100 euros en vales desconto para comezar ben o ano. Os requisitos para participar son os mesmos que no premio grande, pero neste caso o sorteo ante notario realizarase o 9 de xaneiro.

Esta campaña de Nadal complétase co concurso “O mellor prato”. Todo aquel que desexe participar deberá facer chegar as fotografías dos mellores pratos degustados neste Nadal. Cada un dos tres gañadores recibirá un cheque de 150 euros para facer a compra online na Praza. Toda a información está dispoñible na web www.mercadodeabastosdesantiago.com ou no Facebook do Mercado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar