Nace en Ourense o Foro da Comunicación para promover a competividade e o emprendemento

Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación, e Alejandro Rubín, gerente de Expourense
Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación, e Alejandro Rubín, gerente de Expourense

O programa actualizado na web www.expourense.org

 

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, presentaron hoxe no Pazo Provincial o “Foro da Comunicación de Galicia”, que terá lugar este xoves, 12 de decembro, en Expourense, co patrocinio da Deputación de Ourense e a colaboración da Xunta de Galicia. Trátase dun novo proxecto que Expourense incluíu no seu calendario de eventos do 2013, co fin de poñer en valor as oportunidades empresariais e laborais xeradas por un sector que afecta de modo transversal a todo o tecido socioeconómico, e que se atopa en constante evolución.

A xornada matutina abordará a comunicación dende o punto de vista corporativo. As temáticas desta sesión pretenden sensibilizar as pemes galegas sobre a necesidade de desenvolver estratexias que redundarán dun xeito directo e indirecto nos resultados económicos. Destacan dous expertos contrastados de ámbito internacional, como é o caso de Carlos Sánchez Olea, vicepresidente de Dircom España (Asociación de Directivos de Comunicación), quen explicará un novo paradigma baseado na “Economía da emoción” e a “Xestión do convencemento”, e que explicará o proceso para poñer en valor unha marca co fin de rendibilizala e motivar que un cliente a elixa.

No que atinxe á comunicación enfocada a plataformas social media para potenciar o negocio, intervirá Stephan Fuetterer, quen traballaou para empresas coma Google, Microsoft, Calvin Klein ou Coca Cola, entre outras.

O Foro tamén acollerá experiencias de entidades galegas como Coren ou o Consello Regulador Rías Baixas, que expoñerán os seus modelos para competir no mercado global. Neste marco presentarase o estudo publicado recentemente sobre a situación da “Comunicación empresarial en Galicia” e a súa incidencia no entorno online.

XORNALISMO

A segunda sesión estará vencellada ao xornalismo pero desde a perspectiva dos novos modelos de comunicación, especialmente influídos pola era dixital. Falarase do papel dos profesionais que desenvolven a súa labor en soportes convencionais, e xogan ao mesmo tempo un rol activo nas redes sociais. Estas cuestións serán obxecto de dúas mesas de debate nas que intervirán xornalistas galegos procedentes de diferentes medios.

Outro dos obxectivos é orientar aos titulados e especialistas neste campo a apostar polo emprendemento e o autoemprego, mediante proxectos relacionados coa comunicación nas súas diferentes aplicacións. Tanto o IGAPE, desde o programa Galicia Emprende, como a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que lidera a “Iniciativa Xove”, explicarán os pasos para crear unha empresa neste ámbito.

PREMIOS Á COMUNICACIÓN INNOVADORA

No marco deste Foro, Expourense convocou os “Premios á Comunicación Innovadora de Galicia”, que xorden co obxectivo de recoñecer iniciativas profesionais e empresariais que destacasen por revalorizar o campo da comunicación, fomentando con esto o desenvolvemento socioeconómico da comunidade. Estes premios entregaranse no acto de clausura, ás 18.30 horas, e susténtanse sobre o elemento transversal da innovación, recoñecendo iniciativas en catro categorías diferenciadas:

• Estratexia de Comunicación Empresarial desenvolvida por unha peme, ou

entidades que agrupen a empresas destas características

• Comunicación Dixital no sector Xornalístico.

• Iniciativa Emprendedora no ámbito da Comunicación.

• Distinción especial a Novos Talentos, destinada a estudantes universitarios

De forma complementaria ao programa, existirá unha área expositiva que acollerá institucións académicas, asociacións profesionais, empresas ou oferta bibliográfica. Esta exposición estará aberta a todo tipo de visitantes durante o horario do Foro, desde ás 10.00 ás 14.00 e de 16.00 a 19.00 h.

O Comité Asesor está integrado polas facultades relacionadas coa Comunicación das tres universidades galegas, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a APG (Asociación de Periodistas de Galicia), MARKEA (Asociación Galega de Marketing), Dircom Galicia (Asociación de Directivos de Comunicación de Galicia), Creatividade Galega, Novagalicia Banco, e representantes da Xunta de Galicia, da Deputación de Ourense, do Concello de Ourense e de Expourense.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar