Un paso máis para a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

Ribeira Sacra_2

As deputacións de Ourense e Lugo e o Consorcio Turístico da Ribeira Sacra asinarán o vindeiro sábado, 14 de decembro, no Mosteiro de San Pedro de Rocas, o convenio de colaboración para a formalización da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Ao acto asistirán, asemade, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez; o Valedor do Pobo, José Julio Fernández, e tamén están convocados os alcaldes e representantes dos 21 concellos que integran a Ribeira Sacra nas provincias de Ourense e Lugo.

O obxectivo do convenio é impulsar o labor institucional e técnico que se ven desenvolvendo para acadar por parte da Unesco a declaración deste singular espazo natural como Patrimonio da Humanidade.

 

Igrexa rupestre do mosteiro de San Pedro de Rocaas.
Igrexa rupestre do mosteiro de San Pedro de Rocaas.

Precisamente, hai uns días, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, remitiulle ao seu homólogo de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro, a súa proposta de convenio de colaboración para desenvolver actuacións conxuntas que permitan acadar a devandita declaración. O convenio recolle nas súas cláusulas que a finalidade é colaborar no desenvolvemento das actuacións necesarias para presentar diante do Centro do Patrimonio Mundial da Unesco a proposta de inscrición da Ribeira Sacra (Lugo e Ourense) para a súa declaración como Patrimonio Mundial.

As achegas económicas dos asinantes do convenio, así como, no seu caso, das institucións e entidades público-privadas que se sumen a este documento, serán fixadas pola comisión mixta de execución e seguimento, e no que atinxe ás adhesións, o documento sinala que ten “carácter aberto”, polo que será remitido aos gobernos autonómico e estatal para que, se o estiman oportuno, se adhiran ao mesmo. Do mesmo xeito, o convenio tamén estará aberto a posibles adhesións de máis entidades públicas ou privadas.

Para o desenvolvemento das actividades do convenio establecerase unha Comisión Mixta de Execución e Seguimento, integrada por representantes de cada unha das entidades asinantes do convenio, á que corresponderá a concreción, execución, seguimento, interpretación e avaliación das accións derivadas do convenio.

As funcións da Comisión de seguimento serán o cumprimento do convenio; concretar, seguir, interpretar e avaliar as accións derivadas do mesmo, así como adoptar ou propoñer as medidas necesarias para garantir o exercicio coordinado das competencias de cada unha das partes.

“UN PASO MÁIS”

Este convenio supón, en palabras de Manuel Baltar “un paso máis cara o obxectivo marcado de acadar a declaración de Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco para a Ribeira Sacra, e a fortaleza do proxecto está na unión, na cooperación entre institucións e entidades e no traballo conxunto que entre todos fagamos para lograr este obxectivo”.

Baltar e Besteiro, nun encontro celebrado semanas atrás sobre a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.
Baltar e Besteiro, no encntro celebrado semanas atrás.

Afirma o presidente provincial que este traballo “desenvolverase nos ámbitos institucionais, científico e medioambiental, tantos nos aspectos técnicos como políticos e de relacións institucionais, para destacar a singularidade desta fermosa contorna de Galicia, que conta con grandes fortalezas e oportunidades dende os puntos de vista natural, turístico, económico, histórico e cultural”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar