Actividades de “Nadal en Rede”, en oito concellos durante a fín de semana

O crebanoces_FalaRedes

Calendario de Nadal en Rede, AQUÍ

 

As actividades de dinamización lingüística dos programas “Nadal en Rede” e “FalaRedes” encherán, da man da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, durante esta ponte a oferta de propostas de lecer en galego en oito concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

O musical “A nena e o grilo nun barquiño”, a función poético-teatral “Acuario” e o teatro de monicreques de “O Crebanoces” chegarán ao Carballiño, Negreira, Muxía, Cabana de Bergantiños, Santa Comba, Outes, Ourense e Padrón desde esta tarde ata o domingo.

“A NENA E O GRILO NUN BARQUIÑO”

O crebanoces_VCAL“A nena e o grilo nun barquiño” é unha das cinco propostas da segunda edición do programa de dinamización lingüística “FalaRedes”, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para a RDL. Neste musical, destinado ao público familiar, a música do creador Magín Blanco acompañará as aventuras da nena e mais do grilo na súa viaxe a un mundo máxico e cheo de aventuras, no que se fomentan valores como a solidariedade, o respecto á natureza ou a propia identidade. As 13 cancións orixinais do espectáculo, tocadas e cantadas en directo, servirán para que os máis pequenos poidan seguir cantando en galego moito tempo despois de que remate a función.

Esta tarde, “A nena e o grilo nun barquiño” ofrecerá unha función no Carballiño, no Auditorio Municipal, ás 17:30 horas. Como en todas as actividades do programa, a entrada é libre e gratuíta ata esgotar o aforo. A vindeira semana, esta actividade completará o seu itinerario por 23 concellos da RDL da man de “FalaRedes”, con cadanseu pase en Malpica de Bergantiños e en Cerceda.

PALABRAS DO FONDO DO MAR

Outra das iniciativas de “FalaRedes 2013” é a peza poético-teatral “Acuario”, na que a coñecida comunicadora María Canosa e elenco artístico da compañía Teatro dos Ghazafellos trasladan ao público ao fondo dun inmenso acuario, do que van saíndo os peixes máis coñecidos do noso litoral. Nesta aposta, orientada ao público infantil de 5 a 8 anos, a xente miúda da casa poderá descubrir a riqueza lingüística, biolóxica e gastronómica das nosas costas, a través dunha actividade lúdica na que a poesía, o teatro, os monicreques e a música en directo van da man.

A xira de “Acuario”, que contempla 30 funcións noutros tantos concellos da RDL e que conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e mais da Deputación da Coruña nesta provincia, levará a actividade a tres concellos durante a ponte da Constitución. Logo da sesión de onte en Negreira, “Acuario” chegará a Muxía mañá, sábado, cunha sesión no Salón de Actos do Voluntariado ás 12:00 horas. Xa o domingo, a localidade anfitrioa será Cabana de Bergantiños, que acollerá outro pase deste espectáculo no Local Social de Anós ás 17:00 horas.

Toda a información e o calendario completo de “FalaRedes 2013” en www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013 e tamén nas redes sociais.

“NADAL EN REDE”

A RDL celebra o Nadal con outra edición do seu programa “Nadal en Rede”, contemplado na programación anual de actividades para este 2013, que despregará máis de 60 actividades gratuítas desde decembro ao comezo do aninovo.

A primeira das iniciativas, que xa está a chegar aos concellos da RDL co apoio da Deputación da Coruña, é o teatro de monicreques “O Crebanoces”, inspirado no coñecido conto de Nadal de Hoffman e acompañado pola música de Tchaikovsky. Poderase gozar en 24 concellos da RDL, tras abrir o seu itinerario pola RDL en Arteixo, antonte, e en Santa Comba, onte. Durante a ponte tamén chegará a Outes, Ourense e Padrón. Na primeira das localidades, darase cita esta mesma tarde, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura. Mañá, sábado, poderase gozar en Ourense, cunha función no Auditorio Municipal ás 18:00 horas. O domingo rematará a semana en Padrón e poderase ver no Auditorio Municipal ás 18:30 horas.

Nos vindeiros días incorporaranse ao programa as actividades “Cantámosche os reis” e “Lingua de Reis” que, xunto coa reedición das cartas ás Súas Maxestades, o Libro dos Reis, o espazo web www.postaisengalego.com [nova venta] e a guía “Un novo Nadal. Guía de agasallos para a mocidade” (editada en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado) irán fornecendo o período festivo de propostas lúdicas e de recursos para festexar o Nadal en galego, no marco de “Nadal en Rede”.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar