Os nenos con problemas de desenvolvemento serán atendidos por una rede profesional

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a creación, por primeira vez en Galicia, dunha rede de atención temperá destinada a atender os nenos que padecen problemas de desenvolvemento ou están en risco de padecelos.

Durante a rolda de prensa do Consello, Rueda precisou que esta iniciativa se dirixe aos nenos de entre 0 e 6 anos e ten como obxectivo avanzar na autonomía, na prevención e na calidade de vida, tanto destes menores como das súas familias. “Trátase dunha actuación integral e transversal, que busca coordinar un espazo común entre: sistema de saúde, sistema educativo e servizos sociais”, subliñou.

Deste xeito, mediante este sistema coordinado, lograranse cumprir dúas metas: unha atención integral, continuada e flexible; e conseguir a máxima eficiencia á hora de prestar estes servizos, optimizando os recursos e evitando as duplicidades que se poden dar na actualidade, onde a atención temperá se presta a través de entidades de iniciativa social, unidades hospitalarias, concellos e entidades privadas.

Así mesmo, destacou que con esta iniciativa os profesionais que traballen neste ámbito teñen que ter unha formación específica en atención temperá.

O decreto que regulará esta nova actuación, aprobado hoxe, establece o ámbito competencial das consellerías e o procedemento de acceso aos servizos; e a creación e posta en marcha dos órganos colexiados.

No tocante a este último punto, Rueda subliñou que en menos dun mes desde a entrada en vigor do decreto se constituirá o Consello Autonómico de Atención Temperá; en menos de seis meses aprobarase un protocolo para conseguir que sexa efectiva desde o principio a coordinación e intervención interinstitucional e, antes dun ano haberá un procedemento para integrar todos os sistemas de información actuais e implantar así un sistema de xestión integral para atender aos menores que necesitan este servizo.

O vicepresidente da Xunta incidiu en que esta iniciativa suporá un importante avance a favor da autonomía e na calidade de vida dos menores con problemas de desenvolvemento ou con risco de padecelos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar