Ourense acollerá a primeira conferencia de presidentes de gobernos provinciais

Baltar_Fundación Democracia e Goberno Local
Ourense acollerá no primeiro trimestre de 2014 a 1ª Conferencia de presidentes de gobernos provinciais de España, unha proposta que o titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, trasladou hoxe en Madrid á Comisión Permanente da Fundación Democracia e Goberno Local, organismo que agrupa a 22 gobernos provinciais, e nos que a Deputación de Ourense é a única deputación galega que forma parte da súa Comisión Permanente. O obxectivo da conferencia é reunir a presidentes de deputacións, cabildos e consellos insulares para debater xuntos por primeira vez o novo escenario e o papel dos gobernos locais intermedios.

A iniciativa de Manuel Baltar foi analizada e aprobada hoxe tamén pola Xunta do Padroado da Fundación Democracia e Goberno Local, institución que preside o presidente da Deputación de Barcelona, Salvador Esteve, e xustifica a necesidade de celebrar este cumio de entes provinciais de España ante a inminente aprobación e entrada en vigor da futura Lei de racionalización e sostibilidade da administración local, “coa finalidade de compartir experiencias de xestión, realizar propostas e concluír o encontro cun manifesto público que reivindique a necesidade das institucións provinciais”, afirma Baltar.

O presidente provincial suxeriu as datas do 21 ao 23 de marzo de 2014 para a celebración da conferencia, días despois da conmemoración do 201 aniversario da Constitución de Cádiz. Na xuntanza, Baltar proporá, asemade, constituír un grupo de traballo “que estude en profundidade a xestión intermunicipal de servizos locais polos entes locais intermedios”.

Manuel Baltar considera que o proxecto de lei da reforma local prevé, con respecto aos municipios de menos de 20.000 habitantes, que a deputación provincial pase a coordinar, entre outros, a prestación dos servizos de recollida de residuos, limpeza viaria, abastecemento domiciliario de auga potable, acceso a núcleos de poboación, pavimentación de vías e tratamento de residuos. “Desta maneira, as deputacións deberán propoñer ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a forma de prestación destes servizos, que poderá consistir na súa xestión pola deputación ou na implantación de fórmulas de xestión compartidas como mancomunidades, consorcios e outras fórmulas”.

Baltar entende que unha conferencia que reúna aos presidentes provinciais de España “servirá para achegar posturas e traballar de maneira coordinada diante dun novo escenario de xestión local que se abre e que beneficiará aos pequenos e medianos concellos e aos seus cidadáns con máis servizos, mellores e de maior calidade”.

No que atinxe á Deputación de Ourense, Baltar destacou que no ano 2014, a institución ourensá completará a súa oferta para a xestión compartida da totalidade de servizos sinalada polo proxecto de lei, “partindo sempre do máis absoluto respecto á autonomía municipal, para converter á administración provincial nunha completa plataforma de servizos a prol dos concellos”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar