Pecha en Pontevedra “Culturgal”, con 14.000 asistentes e 40 actividades

Culturgal A feira das industrias culturais Culturgal concluíu este domingo cunha xornada na que se desenvolveron máis de 40 actividades e se entregou o premio do público ao salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra. Durante os tres días, máis de 14.000 persoas participaron no evento.

“Satisfacción da organización porque un ano máis Culturgal volveu ser referencia para miles de persoas durante a fin de semana”, destaca Xulio Amigo, presidente da asociación organizadora da feira.

Este ano, apunta nun comunicado remitido pola organización, os responsables de Culturgal quedaron “especialmente satisfeitos” ao entender que a sociedade comprendeu a mensaxe de “corresponsabilidade” que se lanzaba. Así, case un 20% do público aboou a entrada responsable de tres euros a cambio dunha chapa de ‘micropatrocinador’.

Este feito dá esperanzas e “un novo escenario optimista para o Culturgal do futuro, un Culturgal no que o público xogará un papel máis atractivo e no que asumirá unha maior responsabilidade”, resalta Amigo.

NOVIDADES

As novidades da cultura chegaron este domingo con propostas como os novos libros ‘Historia de Galicia’, de Anselmo López Carreira; o ‘Vento e chuvia’ de Manuel Gago e Manel Craneo; o ‘Divina da morte’ de Jorge Emilio Bóveda; ‘Apocalipse zombie’ de Manel Loureiro e ‘Como ser reintegracionista sen que a familia saiba’, de Eduardo Sanches Maragoto.

Radio Cos, 2 na Fronteira e Sergio Tannus presentaron os seus novos traballos discográficos e a música estivo presente, tamén, da man de Scherzando, Tanxedoras e O cabaré dá muller paxaro.

O programa infantil estivo composto pola presentación do novo disco de Xabier Díaz, ‘Toc Toc’; o primeiro xoguete de Xabarín Clube e ‘Pedaciños de ceo’ da aula Folque.

Ademais, a feira foi escenario dun debate sobre ‘crowdfunding’ e novas fórmulas de supervivencia para a creación nos que se afondaron sobre a situación actual do panorama cultural.

Na xornada do sábado, a organización do evento superou as expectativas de público e incrementou as súas amplas cifras da edición anterior.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar