Alerta da aparición de “estereotipos machistas” en parellas de idades moi temperás

Susana_Lopez_Abella

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, alertou da aparición de “estereotipos machistas” en parellas de idades moi temperás e considerou “importante” que a comunidade educativa, os pais e as administracións “colaboren” para evitar que os galegos “caian” nestes comportamentos machistas.

Deste xeito pronunciouse a titular de Igualdade nunha entrevista concedida a Radio Nacional España na que lamentou que “malia todos os esforzos” da sociedade se continúe incrementando o número de mulleres vítimas de violencia de xénero.

“O que máis preocupa é que se están a reproducir estereotipos machistas en idades moi temperás, hai pouco falecía unha nena de 14 anos vítima de violencia de xénero”, sinalou antes de lamentar que “moitas cousas se están a facer mal” cando se reproducen comportamentos machistas “en idades moi temperás”.

Así mesmo, na súa intervención, a secretaria xeral considerou que as redes sociais, “ferramentas marabillosas que facilitan a vida”, se son “mal utilizadas” poden “ser algo moi negativo”. Así, explicou que “se está a ver como mozos as utilizan como forma de control das súas parellas”.

COLABORACIÓN

Fronte a iso, considerou “moi importante” que a comunidade educativa, os pais e a propia administración “colaboren” para “evitar” que “os galegos do futuro caian atrapados nesta rede de estereotipos machistas que aínda pervive na sociedade”.

Segundo recordou a secretaria xeral de Igualdade, dende o ano 2000 en España un total de 869 mulleres faleceron vítimas das violencias de xénero, das cales, 44 mortes tiveron lugar en Galicia.

“Sorpréndeme que malia todos os esforzos, malia que temos unha lexislación que é un exemplo a nivel europeo, nos atopemos con que seguen existindo asasinatos e mulleres vítimas da violencia de xénero”, lamentou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar