A conselleira Quintana apela á unión do sector lácteo

Rosa Quintana_Mazaricos

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, apelou este mediodía á necesidade de unión do sector lácteo para que a cadea se manteña e sexa capaz de producir, de transformar e de comercializar máis alá das nosas fronteiras e para “atender as demandas que día a día imos ter”. Fíxoo durante a clausura da V Xornada técnica do sector lácteo celebrada na localidade coruñesa de Mazaricos.

Rosa Quintana advertiu ao sector da importancia de organizarse e de contar cunha “negociación colectiva e unha organización forte” para “ser quen de conseguir que ese valor engadido que algúns lle dan ao noso leite se quede aquí en Galicia cos remanentes dos seus beneficios”. A conselleira urxiu ao sector a establecer as ferramentas para acadar este obxectivo e ser quen de superar retos como a liberalización de cotas prevista para o ano 2015.

Animou aos elos da cadea de produción a traballar unidos e da man da Administración e amosou a súa confianza na capacidade e forza do sector para conseguilo. “Estou convencida de que superaremos esa barreira e seremos quen de chegar a ano 2015 cos traballos realizados”, destacou. Pero para iso, advertiu, “é fundamental que en Galicia sexamos capaces de superar o minifundismo que temos na nosa vida diaria. Temos un minifundismo estrutural da propiedade, temos un minifundismo individualista de resolver os problemas por nós mesmos e iso todo figura como un lastre no noso deber”.

Neste sentido, a conselleira manifestou o apoio da Xunta e explicou que está intentando traballar con argumentos e xustificar as necesidades do sector lácteo para que a nova PAC responda aos principios consensuados entre Administración galega e sector.

Fondos da PAC
Nesta xornada, a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, ofreceu un relatorio sobre a PAC e sinalou que Galicia aposta polo mantemento dos fondos nas mesmas condicións que viñan sendo percibidos ata este momento, de forma que se manteñan, no próximo período 2014-2020, as axudas coas que contou a nosa Comunidade no actual de 2007-2013, e que superaron os 350 millóns de euros.

Segundo explicou a directora xeral, Galicia aposta tamén porque os beneficiarios das axudas sexan agricultores e gandeiros en activo e porque o maior número de axudas acopladas (directas á produción) sexan para os sectores gandeiros. Tamén defende –nunha postura consensuada entre a Xunta, as organizacións profesionais agrarias e as cooperativas– que se eviten distorsións entre sectores e territorios e que non existan transferencias duns sectores a outros.

Patricia Ulloa amosou tamén o seu razoable optimismo diante desta reforma porque segundo explicou resulta para Galicia máis beneficiosa da que estaba plasmada inicialmente. Isto se pon de manifesto, por exemplo, nas superficies susceptibles de percibir axudas, xa que se dá a posibilidade de aplicar un mecanismo de limitación, evitando o efecto de dilución das axudas. Tamén, en canto á converxencia interna das axudas, evitouse a obriga de aplicar unha “taxa plana”, é dicir, que todos os beneficiarios destes pagos tiveran uns importes por hectárea similares no ano 2019. Ademais, a porcentaxe de axudas acopladas (ligadas á produción) pode chegar ata un 15%, respondendo así ás reivindicacións de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar