Xornada sobre a internacionalización de empresas en Ourense

Deputacion Ourense_xornadas internacionalización empresas_Baltar

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» a Xornada de Internacionalización de Empresas, unha xuntanza que ten como obxectivo analizar diferentes rexións e países nos que poidan existir oportunidades de negocio para empresas ourensás en mercados en pleno crecemento e cunha forte demanda de produtos e servizos que as nosas empresas poden ofrecer.

A xornada, organizada polos bufetes Lawyerpress e Cortizo e polo Inorde, reúne a técnicos experimentados en guiar a emprendedores nos seus proxectos internacionais. Os relatores son representantes de despachos de avogados especializados na análise de países ou rexións onde poden acharse oportunidades de negocio e alianzas estratéxicas para empresas. Os países obxecto desta xornada son China, Turquía, Colombia, Brasil e Portugal.

Manuel Baltar dixo que a internacionalización “é un camiño polo que debe transitar o noso tecido empresarial coa finalidade de achegar novos nichos de negocio, máis aínda nun momento no que a economía e o mercado interior non se atopan nun estado óptimo a causa da redución da demanda interna”. En opinión do presidente provincial, “as características actuais do mercado teñen levado a que a internacionalización apareza case como unha necesidade para asegurar a continuidade da actividade empresarial”.

Baltar destacou que o Inorde conta entre as súas liñas de actuación coa de apoio ao empresariado ourensán con accións específicas en materia de internacionalización, grazas ao convenio asinado coas asociacións dos parques empresariais de promoción pública ou a web “Ourense exporta”, e anunciou que proximamente “poremos en marcha dende o Inorde programas de apoio ás empresas e cooperativas do sector primario e os piares dun plan de axuda ao empredemento que agardamos se vexa potenciado nos anos 2014, 2015 e 2016 coa aprobación polo Gobierno central dun proxecto con financiación comunitaria, que levará o nome de “Transforma Ourense” e que incidirá nos potenciais da nosa provincia”.

O presidente provincial destacou as “oportunidades” que ofrece a provincia de Ourense, centradas no sector primario, “sede dunha das cooperativas agroalimentarias máis importantes de Europa ou con catro das cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia”, e subliñou asemade as oportunidades que ofrece o sector textil, “cos máximos representantes do deseño nacional, orixinarios desta provincia, ao que hai que engadir as oportunidades como as que nos proporciona o liderado exportador con produtos propios como a lousa. En definitiva, unha terra de emprendedores”.

PROGRAMA

A xornada estruturase en dúas partes, unha primeira na que cada despacho expón as vantaxes de introducirse no país de referencia e como estes despachos poden colaborar no proceso de internacionalización. Na segunda parte da xuntanza, xa pola tarde, levarase a cabo un networking empresarial organizado en torno a cada despacho e o seu país de influencia, no cal os empresarios poden formular as dúbidas que teñan acerca dos mercados destes países.

Con esta xornada o Inorde contribúe a achegar aos empresarios da provincia unha serie de mercados moi atractivos para iniciar contactos empresariais, fomentando, deste xeito, a internacionalización das empresas de Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar