Plan Ourense 92: obxectivos cumpridos

Manuel Baltar_intervención Plan Ourense 92

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe o balance do Plan de xestión e estratexia operativa OURENSE 92 da institución provincial no que destacou que os obxectivos marcados dende o inicio do seu mandato «estanse a cumprir segundo o fixado». Baltar dixo que coa posta en marcha deste plan «acadouse unha maior disciplina orzamentaria, e apostouse pola tecnificación e cualificación da administración provincial, así como por unha estrutura organizativa máis racional e eficiente».

O presidente provincial anunciou que ao remate de 2014 a Deputación de Ourense terá reducido seu endebedamento en máis da metade, pois nestes momentos está no 69,7 % (46 puntos menos que en decembro de 2011, data na que se situaba nun 116 %), e preténdese chegar ata o 53,97 % (en total 62 puntos menos). A este dato hai que engadir tamén que a eficiencia na xestión económica permitiu reducir o prazo de pago a provedores de 120 a 40 días, favorecendo así a axilidade no cobro por parte destes, e no que atinxe a persoal, Baltar deu conta dunha novidade referida aos tribunais de oposición, que contarán con membros designados por sorteo e que pertencerán a outras administracións públicas.

Manuel Baltar citou entre as accións máis relevantes do Plan OURENSE 92 a posta en marcha do Plan de servizos sociais BenOurense, a creación do Consorcio de Augas de Valdeorras e do Observatorio Económico Provincial, así como da Central Provincial de Compras -xa operativa-, e no apartado de medio ambiente a creación da Rede de Municipios Sostibles. Tamén destacou a disolución de Urbaourense e a externalización dos centros ecuestres.

No período no que Manuel Baltar leva ao fronte da Deputación de Ourense aprobáronse un total de 17 ordenanzas, que teñen como obxectivo mellorar a xestión do ente provincial. Son novas normativas que regulan as escolas de Artes e Oficios e de Danza, a Real Banda de Gaitas, e a Rede provincial de centros de recollida de animais abandonados, mentres que no que atinxe a procedementos as ordenanzas aprobadas refírense a: Subvencións, Publicacións, Teleasistencia, Lavacontedores de RSU, Prezos do Pazo dos Deportes «Paco Paz, Expedición de certificados catastrais e Creación de ficheiros automatizados.

Asemade, tamén citou no seu informe de balance o Plan de racionalización da estrutura administrativa (elaborado pola Deputación e validado polo Ministerio de Facenda), a proposta de reforma da Administración Local coa elección do presidente provincial, e mesmo o dato positivo que ven de coñecerse estes días de que a Deputación de Ourense ocupa o 3º posto de España en Transparencia.

Baltar enumerou as acción que se desenvolveron en cada área de xestión da Deputación: Administración Xeral, Económica, Benestar, Medio Ambiente, Infraestruturas, Inorde e Cultura e Deporte, sinalando nesta última que se están a explorar outras fórmulas de xestión para o Pazo dos Deportes, o Teatro Principal e o Centro Cultural «Marcos Valcárcel».

Tamén avanzou Manuel Baltar o que será o Plan de Recursos Humanos para 2014, que ten como obxectivo acadar unha organización máis racional e eficiente. Neste apartado de persoal, o gasto en 2014 descende ata o 37,5 % (27.650.000 €), fronte o 41,75 % do presente exercicio. Outras novidades para 2014 serán a amortización de 63 prazas da plantilla e a supresión da imprenta provincial como unidade independente. Asemade, o Servizo de Informática e Novas Tecnoloxías pasará a denominarse Servizo de Administración Electrónica e crearase a Vicesecretaría Xeral.

Manuel Baltar explicou que a Deputación de Ourense encargará un estudo externo para avaliar a organización dos recursos humanos. O obxectivo é realizar unha análise interna dos postos de traballo, actualizar a RPT e acadar unha maior polivalencia dos RRHH. A finalidade do estudo é establecer un valor cualitativo e cuantitativo de cada posto de traballo da Deputación de Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar