Homenaxe póstuma ao artista Paco Lareo no seu cabodano

Paco Lareo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou esta tarde na homenaxe póstuma organizada polo Concello de Vila de Cruces a Paco Lareo, ao pouco de cumprirse o cabodano do artista da Solaina de Piloño. Os secretarios xerais de Cultura, Anxo Lorenzo, e de Política Lingüística, Valentín García; asistiron a este acto no que se inaugurou a praza que levará o nome do finado, e que ocupa o solar da antiga casa consistorial da localidade. Entre outras autoridades participaron no acto o alcalde, Jesús Otero Varela; e a presidenta da Fundación Paco Lareo-A Solaina de Piloño, Carmen Lareo.

Durante o acto os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística puxeron en valor a achega deste persoeiro á cultura galega, que está a quedar recoñecida nas homenaxes que se lle están a ofrecer, entre eles o celebrado hai unhas semanas, ao que asistiu o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad.

Tras a inauguración da praza os asistentes á homenaxe poderán visitar a exposición «A vida de Paco en fotos», que alberga o Auditorio Municipal Xosé Casal. Así mesmo, haberá diferentes actuacións en lembranza do artista, que correrán a cargo dos Gaiteiros de Piloño, a poetisa Rosalía Morlán, Cesáreo Torres, Patricia Méndez, Xirandola de Bandeira, Carballeira de Cercio e do Grupo de Gaitas e Baile ‘Os Coribantes’.

Coa súa participación nestes actos a Consellería de Cultura e educación rende homenaxe a Paco Lareo, creador, impulsor e figura fundamental para a difusión cultural da comarca, cuxo labor lle fai ocupar un lugar destacado entre os artistas galegos contemporáneos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar