Sustituir gasóleo por biomasa, proposta da Deputación de Pontevedra

Reducir esta factura enerxética e rebaixar as emisións de CO2 á atmosfera é un dos obxectivos que persegue a Deputación Provincial de Pontevedra co proxecto de eficiencia enerxética que ten en marcha e que pretende levar a cabo da man dos concellos da provincia.
Así o anunciou esta mañá o presidente da Deputación, Rafael Louzán, que subliñou que o vindeiro 28 de novembro manterá un encontro cos alcaldes para presentarlles un estudo realizado pola Administración provincial e que reflicte que a substitución das actuais caldeiras de gasóleo por outras de biomasa (pellets, astilla ou similares) suporía un aforro de uns 500.000 euros ao ano.
Segundo os datos manexados pola Deputación, o aforro medio anual dunha caldeira de biomasa con respecto a unha de gasóleo é de 9.000 € por caldeira, co que nuns 3 anos estaría amortizado o investimento inicial.
Rafael Louzán incidiu en que se poden acadar aforros económicos e ambientais notables, polo que xa hai concellos que amosaron o seu interese en sumarse a esta iniciativa para a substitución das caldeiras nos seus municipios.
A Deputación provincial deu xa ese paso no centro Príncipe Felipe, onde se retirou a caldeira de gasóleo para instalar unha de biomasa que funciona con astilla e que o presidente da Deputación visitará o vindeiro luns para comprobar in situ o seu funcionamento e o aforro que supón.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar