Iniciativa para repoboar o medio rural, mobilizar as terras e poñelas en valor

Feijóo_empresa Kiwi

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe vontade de consenso para poñer a disposición de todos os galegos un paquete lexislativo para mobilizar as terras en Galicia e poñelas en valor. “Un paquete lexislativo –dixo- de cinco leis que poden modificar a estrutura das terras en Galicia e que, entre o final da pasada lexislatura e o principio desta, imos poñer a disposición co obxectivo de impulsar e desenvolver o rural: coa primeira Lei de montes que aprobamos en 30 anos na Comunidade; cunha Lei contra os incendios forestais; cunha Lei de mobilidade de terras; cunha Lei de mellora da estrutura agraria de Galicia e cunha Lei de montes veciñais”.

Así mesmo, e durante unha visita á empresa Kiwi Atlántico, Feijóo referiuse ao sector agroalimentario como un dos vectores estratéxicos na economía da comunidade e garantiu o compromiso da Xunta na aposta pola súa potenciación reflectido nos orzamentos do vindeiro ano. Neste sentido avanzou que o Goberno galego destinará nos Orzamentos de 2014 un 20% máis á internacionalización dos produtos galegos, cunha partida de 20 millóns de euros, e un 20% máis ao fomento dos produtos agroalimentarios de calidade.

Uns incrementos orzamentarios que enmarcou na aposta que está a realizar a Xunta polo rural e que se verá complementada co deseño de novas liñas específicas no marco do Programa desenvolvemento rural 2014-2020. Un plan que, segundo explicou o presidente autonómico, recolle catro eixes de actuación prioritarios: o fomento da actividade no rural; a incorporación de xente nova; a loita contra o abandono de terras; e a aposta pola produción ecolóxica, ofrecendo produtos diferenciados e de calidade.

Expandir o sector do kiwi en Galicia
Nesta liña, Feijóo referiuse a Kiwi Atlántico como un claro exemplo de que no eido rural galego poden existir proxectos viables e con rendibilidade; como “a proba explícita que acredita que no medio rural galego temos moita capacidade de produción, de mellorar o produto interior bruto de Galicia e a renda dos galegos”.

Na súa intervención, o mandatario autonómico explicou que Galicia ocupa os primeiros postos na produción de kiwi en España. Unha produción que se logra grazas ás 673 hectáreas cultivadas polos 190 produtores que existen na Comunidade. E dentro destes postos, Pontevedra sitúase como a principal provincia produtora do Estado, acadando o 50% da produción total de kiwi do Estado.

Estes datos evidencian, en palabras de Feijóo, a potencialidade que ten Galicia neste eido; se ben advertiu da necesidade de seguir potenciando e expandindo esta industria. Neste sentido, o xefe do Executivo galego manifestou o interese e o compromiso da Xunta por impulsar e agrandar un sector no que existe un claro nicho de mercado que hai que aproveitar –a pesar da crise, o mercado do kiwi non só se mantivo, senón que aumentou-; máis cando o clima e o terreo de Galicia fan idóneo o cultivo deste froito na nosa terra.

Unha aposta por un sector con posibilidades que pasa, segundo Feijóo, pola distinción en termos de calidade; polo impulso a novos formatos, como o kiwi en almíbar; e pola implantación da trazabilidade en toda a cadea.

En referencia a Kiwi Atlántico, Feijóo subliñou que desde a súa constitución esta empresa non deixou de medrar ata consolidarse como una das máis importantes produtoras e comercializadoras de kiwi na península, sendo hoxe empresa líder do sector.

Un logro, sinalou, que lle vén dado pola excelencia e pola calidade que define o seu produto, eixes aos que suma a continua aposta pola investigación como única fórmula válida para mellorar o froito e gañar en competitividade.

Kiwi Atlántico aglutina na actualidade máis de 70 socios; conta cun cadro de persoal de preto de 40 persoas; facturou máis de 11 millóns de euros o pasado ano (un 10,2% máis que en 2011); manipula arredor de 7.500 toneladas de kiwi ao ano; e dispón de máis de 300 hectáreas en España e outras 50 en terceiros países; e posúe no mercado dúas marcas comerciais: Kiwi Atlántico, reservada para a froita cos máis altos estándares de calidade; e Kiwi Fresh, baixo a que se comercializa a produción doutras orixes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar