Santiago-Roma o próximo verán

vueling

   O alcalde de Santiago de Compostela, Ángel Currás, xunto á concelleira de Turismo, Reyes Leis, confirmou este mércores un acordo polo que a compañía Vueling conectará o próximo verán os aeroportos de  Lavacolla e Roma-Fuimicino.

   Esta nova conexión empezará con dúas frecuencias semanais dende o 21 de xuño de 2014 ata o 12 de setembro, segundo explicou Reyes Leis, e conta coa posibilidade de ampliarse. «Si que é certo que poderían manter o voo se ven que funciona ben e amplialo a 2015 empezando en marzo ata outubro», sinalou.

A concelleira de Turismo explicou que a compañía aérea se irá despregando en Santiago pouco a pouco, como fixo con París, e destacou que esta nova conexión «é moi importante», dado que en 2014 se celebra o Ano Franciscano, polo que se establece unha «vinculación especial» de Santiago con Italia.

O alcalde recalcou que «non queda pechada en absoluto a continuidade», en función do resultado do voo». «Era unha vella aspiración da cidade, os dous voos que agora cristalizan Santiago-Bruselas e Santiago-Roma» comentou.

«Polo tanto creo que é unha noticia importante, seguiremos traballando e abrindo en novas datas, novos compromisos das aerolíneas con Lavacolla e con Santiago de Compostela» finalizou Ángel Currás.

A preguntas da prensa da posibilidade de máis conexións, Reyes Leis, fixo alusión á confidencialidade coas compañías para que outras non poidan ofertar antes a conexión, pero aclarou que si que «hai peticións de destinos que lles resultan interesantes», pero «non hai nada pechado».

A aerolínea Vueling xa anunciara o pasado 6 de novembro a apertura dunha nova ruta directa que, dende maio, enlazará Santiago de Compostela con Bruxelas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar