Aparece unha lápida de gran valor na fachada da igrexa compostelá de San Francisco

San Francisco_Santiago_cúpulas

Os traballos de limpeza da fachada da fachada principal da igrexa do Convento de San Francisco, de finais do século XVIII,  están a sacar á luz aspectos de grande interese histórico e artístico, nunha actuación orientada a eliminación de humidades, plantas, mofos e algas, así como da sucidade provocada polo excremento das pombas. Nesta liña, destaca a aparición dunha lauda antiga procedente dos restos dunha lápida cunha inscrición gravada. A pesar de que apareceron máis noutros puntos da fachada, o sorprendente é que esta se empregase como recheo na cornixa do primeiro corpo do edificio, a 18 metros de altura. É posible que para a construción da igrexa se reutilizaran pedras da igrexa orixinal” , sinala a arquitecta do Consorcio Idoia Camiruaga-.

 

Lauda antiga con inscripción.
Lauda antiga con inscripción.

Por outro lado, descubriuse que a figura de San Francisco e o anxo que o acompaña, no grupo escultórico situado enriba da porta de entrada da igrexa, estaban orixinalmente policromadas. Aínda se conservan restos de cor, malia que é case inapreciable. “Sabemos que o lombo do libro que suxeita o anxo era vermello, que o propio anxo era rubio e que o pano que cobre o seu corpo era azul intenso. As súas ás son de madeira e nas súas orixes estaban pintadas de branco. A pedra desta zona é a máis branda porque é a que ten máis dificultade de labra e, polo tanto, é a que máis sofre” -explica a arquitecta-. Así mesmo, os capiteis do corpo central do edificio estaban pintados.

 

DANOS DAS POMBAS

Tal como indica a arquitecta do Consorcio, “o guano de pomba fai moito dano ao conxunto escultórico e arquitectónico. As pombas refúxianse cada día nas cornixas protexidas da fachada. Son, ademais, as aves que aportan a maior cantidade de materia orgánica, sementes de plantas, sucidade… á fachada do edificio. Non ocorre o mesmo con outras pequenas aves ou cos quirópteros, beneficiosos para a eliminación de insectos e que producen moita menor cantidade de excrementos”.

San Francisco_Santiago_anxo policromado

En intervencións anteriores a fachada foi provista de cintas con pugas, que resultan eficaces para combater os danos ocasionados polas pombas durante un período de tempo relativamente curto. “Non parece que exista unha solución definitiva para este problema. Haberá que poñer en marcha un programa estable de mantemento e limpeza superficial programada dos restos orgánicos e plántulas que poidan comezar a enraizar na pedra da fachada” -afirma Idoia Camiruaga-.

Así, dende a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago proponse colocar de novo tiras prefabricadas de dobre fileira de pugas, sobre unha base de polímero transparente. E suxiren que esta iniciativa se complete cun programa de limpeza do guano das pombas cada catro anos. Nesta liña, aproveitarase para deixar instaladas unhas pequenas ancoraxes, invisibles dende o exterior, que faciliten as futuras actuacións de limpeza que se leven a cabo na fachada da igrexa.

LIMPEZA INTEGRAL

A arquitecta do Consorcio Idoia Camiruaga explica que se están a abordar os problemas de crecemento de plantas e de entrada de auga a través das xuntas da cantaría da fachada. “En xeral, o estado da pedra é bo. Non obstante, percíbense claramente zonas que invadiu a vexetación e áreas colonizadas por algas, mofos e liques” -asegura-. Como exemplo do avance da vexetación no edificio, indica que na cornixa chegan a medrar silveiras con moras.

Por outro lado, a arquitecta apunta que a posición da fachada da igrexa, orientada ao sur, case ao vendaval puro (suroeste), fai que a vexetación arraigue con facilidade. E, ademais, a súa situación urbana complica e encarece os labores de limpeza e mantemento por atoparse moito máis baixa que a rúa.

A composición da fachada contén unha serie de planos practicamente horizontais que xeran humidade porque queda a auga da choiva, e albergan algas e musgos, ademais de pequenas plantas e serven, ao mesmo tempo, de refuxio ás pombas, e o seu guano alimenta á vexetación, nunha sorte de círculo vicioso. Estase a realizar unha limpeza completa, con tratamento de hidrofugado nas partes planas da fachada, para evitar a acumulación de auga.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar