O Museo de Pontevedra acolle a presentación do documental do Marques da Romana

Sexto edificio do Museo de Pontevedra.
Sexto edificio do Museo de Pontevedra.

O Sexto Edificio do Museo acollerá hoxe, as 20.00 horas, a presentación do documental Pedro Caro Sureda: A pegada do marqués de la Romana que, a través da vida do Marqués de la Romana, nos achega a destacados episodios da coñecida como Guerra da Independencia e, con eles, da historia de Pontevedra.
O documental, de carácter histórico-biográfico, forma parte da serie Atlántica Memoria do taller de José Antonio Durán –realizado polo director técnico do taller, Jorge Durán- e con el complétase a triloxía das traxedias bélicas bicentenarias que estiveron na base do cambio do Antigo Réxime ao Mundo Contemporáneo e que o investigador pontevedrés recolleu neste traballo e en dúas obras previas, presentadas tamén no seu día no Museo de Pontevedra.
Este traballo audiovisual inclúe numerosas aclaracións históricas e novidades informativas como a que refire, segundo indicou o responsable do documental, José Antonio Durán, a explicación de cómo sucedeu o que se considerou un levantamento popular contra o exército napoleónico en terras galaico-portuguesas e que, en realidade, non foi senón unha perfectamente ordenada actuación dos milicianos licenciados.
Neste sentido, o documental recolle outro aspecto pouco coñecido da historia de Pontevedra, como o poder militar que tiña no século XVIII esta cidade, que pasara de ser unha vila señorial a converterse na terceira cidade militar de Galicia, sede dun rexemento de infantería lexendario mandado polo Conde de San Román (o rexemento da Princesa) e dun exército de milicias, un dos primeiros rexementos provinciais destas características de Galicia e da antiga Coroa de Castela.
A triloxía completa proxectarase o vindeiro venres, 22 de novembro, no Pazo de Fefiñáns, de Cambas pola mañá e no Auditorio da localidade pola tarde.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar