Desarticulada unha organización que pretendía introducir cocaína por Vigo

   Axentes da Policía Nacional, na primeira operación conxunta coa Xendarmaría Nacional de Arxentina, desarticularon unha organización que pretendía introducir en España 60 quilos de cocaína disolta en bidóns de biodiésel. As detencións dos oito integrantes do grupo foron realizadas de forma simultánea a ambos os dous lados do Atlántico.

   Os responsables adquiriran dúas naves industriais en dúas localidades galegas para ocultar os 12 recipientes. Entre os arrestados en España atópase o administrador e representante legal dunha empresa importadora do biodiesel.

A investigación iniciouse o pasado mes de xullo cando a Unidade de Operacións Especiais antidroga de Argentina tivo coñecemento da existencia dun grupo de narcos que estaban a planear transportar ata o Porto de Vigo cocaína diluída en biodiésel. A través da Consellaría de Interior da Embaixada de España solicitouse a colaboración dos investigadores españois para desarticular a rede.

INFRAESTRUTURA PARA RECIBIR A DROGA

Os axentes comprobaron a existencia dunha perfecta infraestrutura empresarial e material no noso país. Ademais descubriron que os responsables do envío se desprazaran a España para concretar o traslado da droga a Galicia e adquiriran dúas naves industriais, unha en Gondomar (Pontevedra) e outra na localidade ourensana de Tamallancos, onde os traficantes pensaban ocultar os bidóns co estupefaciente, segundo o comunicado da Policía.

Unha vez recompilada toda a información, estableceuse un dispositivo no que se interceptou un colector cos doce bidóns e realizáronse as detencións de forma simultánea en ambos os dous lados do Atlántico. En Arxentina arrestouse tres persoas, dous de nacionalidade arxentina e outra colombiana, e efectuáronse cinco rexistros nas provincias de Bos Aires e Santa Fe.

En España procedeuse á detención de cinco persoas e practicáronse tres rexistros onde se interveu numerosa documentación relativa ao colector. A investigación foi levada a cabo por axentes de Sección IV e Sección Greco Galicia, a Brigada Central de Estupefacientes da Udyco Central de la Comisaría General de Policía Judicial, axentes da Udyco de la Jefatura Superior de Policía de Galicia e axentes da Xendarmaría Nacional de Arxentina.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar