A Fundación Barrié, homenaxeada polas Cidades Patrimonio

Cidades Patrimonio a Fundación Barrié
Ángel Currás, José María Arias, Emiliano García-Page e Alfonso Fernández Mañueco.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España entregou nun acto celebrado no patio da Casa Lis de Salamanca o premio Patrimonio 2013 á Fundación Barrié, polo seu mecenado e compromiso pola recuperación e conservación do patrimonio a través do Programa Catedral de Santiago, protagonizado polo proxecto de conservación e restauración do Pórtico da Gloria. O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu á cerimonia.
A Fundación Barrié recibe este recoñecemento cando se cumpren 20 anos da creación do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, formado por Santiago de Compostela, Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Segovia, Tarragona e Toledo. Dende entón, as 13 cidades veñen actuando de xeito conxunto na defensa do seu extraordinario patrimonio histórico, así como na promoción turística da súa oferta cultural.

O acto de entrega foi aberto polo alcalde de Salamanca, Alfonso Fernández Mañueco, quen deu a benvida aos convidados e alcaldes e concelleiros das cidades que forman o Grupo, que se atopan en Salamanca, para asistir á Asemblea Xeral da organización, que terá lugar este sábado no Concello da capital charra con motivo do 25 aniversario da súa declaración como Patrimonio Mundial.

O alcalde de Salamanca destacou que a riqueza patrimonial é un activo para xerar oportunidades, impulsar a economía e crear emprego. Pero segundo engadiu, ser competitivos pasa necesariamente pola sostibilidade económica que garanta aos centros culturais a xeración de recursos propios. Sinalou que dende as Cidades Patrimonio da Humanidade se construíu a Historia de España. Trece cidades que ofrecen trece leccións para entender e explicar a nosa historia.

Tras a lectura da acta de concesión do Premio, o presidente do Grupo, Emiliano García-Page, fixo entrega do Premio, consistente nunha figura, diploma e insignia de ouro, ao presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera, quen agradeceu este recoñecemento «ao Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España e, pola súa colaboración e apoio, ao Instituto de Patrimonio Cultural de España (IPCE) do Ministerio de Educación, Cultura e Deportes; ao Concello de Santiago de Compostela e, sobre todo, ao arcebispo de Santiago e aos responsables do Cabido e da Fundación Catedral por confiar á Fundación Barrié proxectos tan emblemáticos como a restauración do Pórtico da Gloria».

Na súa intervención, José María Arias destacou que «cada unha das cidades Patrimonio da Humanidade ten unha responsabilidade, unha misión que vai máis alá do ámbito municipal. Todas elas resultan esenciais na conformación da identidade das comunidades ás que pertencen e, por suposto, como cidades Patrimonio da Humanidade tamén son esenciais para a cultura planetaria. É aquí onde o traballo na Catedral de Santiago mellor conecta coas nosas misións e responsabilidades como Fundación». Ademais, José María Arias insistiu en que «a mellor das restauracións é a que, grazas á prevención, non se chega nunca a facer porque non chega a ser necesaria. A prevención ten o seu aspecto material, pero non hai prevención que poida funcionar se non se inculca na sociedade o respecto polo patrimonio».

Arias resaltou que «todas as cidades Patrimonio da Humanidade teñen unha vocación aberta cara a fóra, todas deben entender que o patrimonio non debe converterse xamais nun pasivo. Non podemos pois limitarnos a preservar senón que debemos esforzarnos en conservar e acrecentar. E ser cidadán dunha destas cidades leva consigo ser protagonista e axente desta actualización do patrimonio que o fai vivo».

O acto concluíu cunhas palabras do presidente do Grupo de Cidades Patrimonio, nas que destacou que o mantemento e a conservación das Cidades Patrimonio da Humanidade esixen o esforzo colectivo. As trece Cidades Patrimonio de España, segundo engadiu, están moito mellor conservadas que antes de obter o título de Cidade Patrimonio da Humanidade.
Destacou a unión e o bo entendemento entre as Cidades Patrimonio e avanzou que o Grupo, na reunión da súa Asemblea Xeral que terá lugar este sábado no Concello de Salamanca, tratará temas importantes que marcarán o seu futuro, como o Plan Estratéxico para os próximos anos. Un concerto de cámara puxo fin ao acto.

Premio Cidades Patrimonio da Humanidade
O obxectivo do Premio Cidades Patrimonio da Humanidade é o recoñecemento público ao labor levado a cabo no ámbito da conservación, restauración, promoción e difusión do patrimonio histórico e cultural realizada nas cidades españolas cuxos conxuntos históricos foron declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

O Premio valora o mellor proxecto executado en materia de conservación ou restauración de patrimonio histórico español que teña que ver coa conservación dos conxuntos históricos declarados Patrimonio da Humanidade. Valórase a calidade dos proxectos e da súa execución material, así como a súa adecuación espacial ao ámbito e ao contexto urbano, a súa función de revitalización social do conxunto histórico e a súa aplicación como modelo a outros conxuntos.

Entre os premiados de anteriores edicións destacan a Fundación do Patrimonio Histórico de Castela e León; o Concello de Morella, pola recuperación do casco histórico desta cidade castellonenca; ou a Fundación Santa María la Real.

A Fundación Barrié e o Patrimonio
A Fundación Barrié, fundación patrimonial privada que traballa polo desenvolvemento de Galicia nos ámbitos da educación, a acción social, o patrimonio, a cultura e a ciencia, entende o patrimonio como un valor estratéxico para unha comunidade, un valor que pode xerar riqueza, competitividade e emprego, e que é preciso aprender a xestionar para que as xeracións vindeiras poidan gozalo. Este compromiso maniféstase na colaboración coa Catedral de Santiago dende hai catro décadas e á que se destinaron máis de 10 millóns de euros. Ademais da restauración do Pórtico da Gloria, na que envorca os seus esforzos actualmente, a Fundación promoveu diversos proxectos na Catedral, como a reconstrución do Coro do Mestre Mateo ou a posta en valor das réplicas en madeira dos Instrumentos do Pórtico.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar