Galicia adicará os 2.700 millóns da UE para 7 anos a investigación e innovación

Rueda_financiamento comunitario

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou esta mañá unha xornada sobre o novo período de financiamento comunitario, na que destacou que o Goberno galego centrará o seu traballo nunha planificación axeitada e eficiente dos máis de 2.770 millóns de euros que Galicia seguirá recibindo da UE nos próximos sete anos.

Rueda explicou que, unha vez superado todo o traballo realizado para que Galicia seguise recibindo fondos, o importante neste momento é “planificar ben como investilos”; algo que xa se contemplara no Plan Estratéxico 2010-2014, pero que agora redobrará esforzos para optimizar o emprego destes cartos.

Neste sentido, a semana pasada o Goberno galego aprobou a RIS3, unha estratexia de especialización intelixente que identifica as fortalezas e as vantaxes comparativas que diferencian a Galicia do resto de rexións europeas para guiar cos novos fondos o noso modelo de desenvolvemento futuro.

 

 

 


INVESTIGACIÓN E INNOVACIÓN

En función desta estratexia, no vindeiro exercicio Galicia apostará por cinco eidos prioritarios en materia de investigación e innovación, que serán claves para os intereses galegos. Tratase da sanidade; a agricultura e a pesca, con especial énfase na acuicultura e na biotecnoloxía; o medio ambiente, turismo e enerxía; a innovación tecnolóxica orientada a mellorar a eficiencia da administración; e a innovación enfocada ás empresas.

O vicepresidente insistiu en que no próximo septenio a Administración pública debe seguir primando o criterio da eficacia na xestión dos fondos, un traballo polo que xa fomos recoñecidos polo Comité das Rexións europeo, que elixiu ao presidente Feijóo como relator dun ditame que identificase o mellor xeito de investir os fondos comunitarios, baseándose na experiencia galega ao longo de máis de dúas décadas.

Agora, o compromiso coa eficacia pasará por unha planificación axeitada, a concentración dos esforzos en sectores estratéxicos para Galicia e a coordinación entre as diferentes administracións e niveis administrativos, evitando duplicidades innecesarias e maximizando o impacto de todas as accións que se financien con fondos europeos e se desenvolvan en beneficio da cidadanía.

 

Rueda_financiamento comunitario_2

NOVO MODELO DE XESTIÓN

A xornada “Novo período de financiamento comunitario 2014-2020: cara a un novo modelo de xestión” foi organizada pola Fundación Galicia Europa e a EGAP e está especificamente dirixida ao persoal técnico da Xunta de Galicia encargado de xestionar proxectos financiados con fondos europeos, aos que se lle achegarán as principais novidades do novo período de programación orzamentaria.

O programa centrarase nos cambios máis importantes respecto ao deseño da política de cohesión a partir de 2014, con especial fincapé nos diversos fondos estruturais, e servirá para informar sobre a nova xeración de programas de xestión directa, como o Life+, Europa Creativa ou o programa para o Cambio e a Innovación Sociais (EaSI); que se porán en marcha no próximo período financeiro, e aos que tamén se poderán acoller os distintos departamentos autonómicos para o financiamento de proxectos.

No acto de inauguración, ademais do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, tamén participaron a directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez Campos, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, que tamén é o director da Fundación Galicia Europa.

PARTICIPANTES

Durante a Xornada, a directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, e o subdirector xeral de Planificación da Consellería de Facenda, Ángel Tarrío, analizan as principais consecuencias para Galicia do novo período de financiamento comunitario, así como a actual situación das negociacións en relación co procedemento de programación dos fondos estruturais.

A directora da Área de Crecemento e Valoración da Axencia Galega de Innovación, Pilar Morgade Saavedra, explicará aos asistentes a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia. O seguinte relatorio, impartido por Maite Carracedo Taboada, directora xeral en España da consultora Econet, proporcionará unha panorámica sobre a política europea de cohesión 2014-2020 e os fondos estruturais (FEDER, FSE, etc.), incidindo nas principais novidades e as prioridades de intervención.

Pola súa banda, directora xeral de Produción Agropecuaria e do Fondo Galego de Garantía Agraria, Patricia Ulloa, e o secretario xeral do Mar, Juan Carlos Maneiro; ambos membros da Consellería do Medio Rural e do Mar, exporán as novidades da Política Agrícola Común (PAC) e da Política Pesqueira Común (PPC) no contexto do novo marco orzamentario.

Os programas de xestión directa e o programa Horizon 2020 ocuparán a parte final da xornada, e serán analizados pola directora territorial da Zona Norte de Econet, Graciela Garrido Grela.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar