Baltar pide o apoio do Valedor á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

Baltar_Jose Julio Fernández_Valedor do Pobo

Baltar solicita ao Valedor do Pobo que se sume á coordinación da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

Un grupo de expertos dos ámbitos económico, histórico, científico e do medio ambiente, así como colectivos ecoloxistas elaborarán os informes para a candidatura

Baltar fará chegar ao presidente da Deputación de Lugo a súa proposta de convenio, na que incluirá ao Valedor do Pobo, e cuxo obxectivo e formalizar as adhesións dos concellos, deputacións e os gobernos autonómico e estatal

Ourense, 13 de novembro de 2013.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, solicitoulle ao Valedor do Pobo, Julio José Fernández Rodríguez, que se sume á coordinación de todas as entidades, públicas e privadas, que están a traballar a prol da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade da Unesco. Tralos apoios acadados xa dos municipios, deputacións, Parlamento e Xunta de Galicia, así como das Cortes Xerais, Manuel Baltar fará chegar ao presidente da Deputación de Lugo a súa proposta de convenio, na que incluirá ao Valedor do Pobo, e cuxo obxectivo e formalizar as adhesións dos concellos, deputacións e os gobernos autonómico e estatal para acadar unha candidatura conxunta e forte que permita establecer as directrices de actuación institucional para que a designación da Ribeira Sacra sexa un éxito.

Neste senso, xa está a traballar un grupo de expertos e científicos, coordinados pola Oficina do Valedor do Pobo, dos ámbitos da historia, a economía e o medio ambiente, así como organizacións ecoloxistas, que serán os encargados de elaborar os informes técnicos da candidatura que optará a acadar para a Ribeira Sacra a distinción de Patrimonio da Humanidade.

Estes acordos chegan tralo encontro mantido a semana pasada entre o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o Valedor do Pobo. Hoxe mesmo, o presidente provincial, Manuel Baltar, deu conta ao seu homólogo de Lugo destes avances, e esta mesma semana Baltar remitiralle a Gómez Besteiro a súa proposta de protocolo de colaboración, unha vez analizada a da Deputación de Lugo, proposta na cal Baltar incluirá ao Valedor do Pobo.

O alto comisionado po Parlamento galego está a elaborar un informe técnico de posta en valor da Ribeira Sacra en Ourense e Lugo da man dun grupo multidisciplinar de expertos que están a poñer en valor as peculiaridades e especificidades desta área de alto valor cultural, etnográfico, ecolóxico e natural de Galicia.

Ademais dos contactos institucionais que xa ten iniciado Manuel Baltar nos ámbitos locais, autonómicos e estatais, o traballo do Valedor do Pobo céntrase nas achegas científicas e estudios técnicos que contribuirán a impulsar a candidatura. O informe técnico que coordina o valedor conterá estudios tanto do valor ambiental da rexión, como da súa riqueza paisaxística, económica, de patrimonio eclesiástico e turístico. Os traballos están a ser elaborados por reputados membros da comunidade científica galega e é intención do valedor poñer a disposición das institucións implicadas un completo dossier cara a revalorizar a candidatura diante a Unesco.

A Deputación de Ourense está a impulsar a candidatura da Ribeira Sacra para que sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola singularidade e excepcionalidade turística e paisaxística deste espazo xeográfico entre as provincias de Ourense e Lugo, que son, en opinión de Manuel Baltar, “os principais valores que ten este xeodestino que merece ser recoñecido con tan singular distinción, o que servirá de reactivación e dinamización económica para esta contorna e para as provincias de Ourense e Lugo”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar