O «Anuario da Gaita» acada a sua 27ª edición

Anuario da gaita_27

O «Anuario da Gaita», editado pola Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense, chega este ano a súa 27ª edición. A publicación que foi presentada hoxe no Pazo Provincial é única nas súas características en Galicia e referente mundial, que achega investigación, tradición, cultura e etnografía nunha mesma obra, dedicada integramente ao instrumento senlleiro de Galicia, que conta tamén con estudos sobre a gaita, ademais de colaboracións de expertos e traballos de ámbito histórico.

O acto de hoxe contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e o director da Escola Provincial de Gaitas, da Real Banda e coordinador da publicación, Xosé Lois Foxo.

Rosendo Fernández dixo que o Anuario da Gaita «recolle cada ano parte da tradición de Ourense e Galicia vencellada a un instrumento galego como é a gaita, traballo que non sería posible sen a dedicación e esforzo de Xosé Lois Foxo e o seu equipo». Rosendo Fernández engadiu que Ourense mantivo dende vellos tempos «unha importante tradición musical, levando a dianteira en moitos sensos en relación ao desenvolvemento da cultura galega, e a Deputación de Ourense ten entre os seus obxectivos poñer en valor todo ese legado cultural, e sinaladamente o que se refire ao noso instrumento máis destacado».

Xesús Alonso Montero, que colabora neste número cun estudo sobre Faustino Santalices, gaiteiro e zanfólogo, dixo que esta publicación «é necesaria para entender o sentimento do mundo da gaita e a tradición secular dos gaiteiros», e loubou o traballo de Foxo destacando a súa faceta como instrumentista, docente e director da Real Banda.

Pola súa banda, Xosé Lois Foxo explicou que no eido da gaita, o achegamento a este instrumento de forma científica non ten parangón, e que a revista edítase dende o ano 1985, cando se creou a Escola Provincial de Gaitas. «O noso obxectivo é promocionar o mundo da gaita e a todas as xentes que ao longo da historia elevaron este instrumento á categoría que se merece».

O traballo de Foxo e da Deputación de Ourense no mantemento das nosas tradicións musicais ponse de manifesto un ano máis con esta publicación, que dedica a súa portada ao gaiteiro Josef Rezny, destacado instrumentista que deixou a súa pegada nos países do leste de Europa, e inclúe artigos de investigación entre os que destaca o traballo de Ernesto Iglesias Almedia, arquiveiro da Catedral de Tui, sobre os «Gaiteiros tudenses».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar