O Instituto Cervantes e a Xunta cooperan na difusión e promoción do galego no exterior

Vázquez Abad e García de la Concha.
Vázquez Abad e García de la Concha.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director do Instituto Cervantes, Víctor García de la Concha, asinaron hoxe un protocolo de colaboración para a organización e a execución conxunta de múltiples actividades no ámbito da lingua e a cultura galegas nos centros dependentes do instituto.

As dúas entidades colaborarán para a realización de diferentes accións e iniciativas de interese nos centros do Instituto Cervantes no exterior. Con este obxectivo, o goberno galego e o instituto planificarán e executarán eventos culturais como exposicións, concertos, seminarios e ciclos audiovisuais, entre outros, que permitan proxectar no exterior e poñer en valor a riqueza e a diversidade cultural de Galicia.
Ao abeiro deste marco de colaboración, os centros do Instituto Cervantes do exterior acollerán a realización de actividades programadas pola Xunta de Galicia, de acordo co interese estratéxico para a cultura galega nos diferentes países nos que a institución española está presente.
Difusión da diversidade lingüística e cultural
O Cervantes reforzará, deste xeito, a súa contribución á difusión da diversidade lingüística e cultural de España a través dos seus centros, o que constitúe unha oportunidade para dar a coñecer no ámbito internacional as novas iniciativas culturais galegas.

Este protocolo de colaboración, que estará en vigor por un período de tres anos, que poderán prorrogarse, reforza a colaboración que veñen mantendo a Consellería e o Instituto Cervantes e que se traduciu en iniciativas como o ciclo de conferencias ‘Rosalía de Castro: Tradición e modernidade’, que tivo lugar o pasado mes de outubro en Madrid con motivo dos 150 anos da publicación do poemario ‘Cantares gallegos’.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar