Baltar defende no Parlamento un proceso de reforma da Lei de Administración Local

Baltar_comparecencia Parlamento

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, compareceu hoxe diante da Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para dar conta das liñas xerais dos orzamentos da Deputación de Ourense para o ano 2014, que serán aprobados polo da corporación provincial o día 29.

Baltar pediu a apertura dun proceso de reforma da Lei de Administración Local de Galicia «para adaptala á nova realidade que parece achegarse co proxecto de lei de racionalización e sostibilidade da administración local que se está a debater nas Cortes Xerais do Estado». O presidente provincial considera que este é un «momento oportuno» para seguir poñendo ao día ás deputacións provinciais «para que sexan elementos esenciais na vertebración do poder local e pezas clave para a reorganización dos servizos públicos locais, esenciais para a cidadanía en termos de eficacia e eficiencia, e de descentralización política, participación democrática e equilibrio territorial».

Neste senso, ofreceu a colaboración da Deputación de Ourense «se esta cámara considera oportuno abrir o proceso de reforma antedito», co fin de levar a bo porto esa actualización legal «sobre a cal, da súa necesidade non hai moita discusión», e dixo que é preciso empregar fórmulas compartidas de xestión dos servizos lideradas polas deputacións «sen que iso supoña unha perda do dereito dos concellos a participar na toma das decisión». Asemade, estendeu esas fórmulas compartidas de xestión máis aló dos servizos mínimos a que fai referencia o proxecto estatal, «para que se acheguen a outros servizos de competencia municipal como poden ser a recollida de animais abandonados, a avaliación da incidencia ambiental de actividades económicas ou a prestación de servizos sociais».

PRESUPOSTOS: INCREMENTO DUN 11 %

Sobre as liñas mestras dos orzamentos da Deputación para 2014, Manuel Baltar dixo que o dato máis salientable é o incremento de máis do 11 % que experimentan. «Cando os orzamentos doutras administracións, a tódolos niveis territoriais, seguen a reducirse, a Deputación de Ourense, froito do traballo destes meses coa execución do Plan Ourense 92, apunta claramente á recuperación económica da institución, cunha vocación de amosar a súa utilidade á sociedade ourensá, porque non estamos para as institucións, estamos para os cidadáns», e engadiu que estes orzamentos «teñen como prioridades os servizos sociais, o medio ambiente e a cooperación cos concellos».

O presuposto da institución será de 73,7 millóns de euros (un 11,14 % máis que no exercicio de 2013, que foi de 66,3 M €), destacando un incremento dun 40 % de recursos propios destinados a investimentos, máis de 14 millóns de euros. Ademais, os concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes (91, todos agás a capital) verán incrementados non 61 % os fondos que achega a Deputación para o Plan de Obras e Servizos; cada un deles recibirá por este concepto 50.000 euros, fronte aos 31.000 euros deste ano.

Xunto a isto, Manuel Baltar enumerou outras medidas que achegan os orzamentos como son que a Deputación de Ourense constitúese en «banca dos concellos» cun Plan para Gastos Correntes destinado a concellos que acrediten insuficiencia financeira, e unha liña de préstamos públicos, así como que o gasto de persoal descende ata o 37,5 %, baixando por primeira vez do 40 %.

TRIBUTOS AUTONÓMICOS

Baltar volveu reclamar –como xa fixera na súa comparecencia do ano pasado- que se cumpra o que sinala o artigo 142 da Constitución e se estableza «unha participación das deputacións nos tributos da Comunidade Autónoma». Desta maneira, explicou, «retornará á cidadanía de Ourense, a través da Deputación, parte dos tributos que paga á Comunidade». E deixou de novo esta mensaxe por entender «que compete a este Parlamento regular esa participación das deputacións nos tributos autonómicos. Unha mensaxe de xustiza tributaria».

Manuel Baltar destacou o que denominou Programa Cultural «Tarazana» (palabra que na fala dos afiadores, o barallete, significa roda de afiar) para referirse á nova liña de axudas en materia cultural que a Deputación de Ourense desenvolverá en 2014 achegando para elo a cantidade de 350.000 €. A isto hai que engadir un incremento de 100.000 € para programas sociais e deportivos, ascendendo a un montante global de 350.000 €. Desta maneira, nestes apartados: social, deportivo e cultural pásase dos 500.000 € destinados en 2013 a 1.050.000 € en 2014, cunha suba de máis do 100 %.

«PROVINCIA INTELIXENTE»

Baltar afirmou que estamos pasando «do concepto de administración ao de xestión de servizos públicos». Nesa liña enmárcase o que denomina «provincia intelixente”, «unha provincia que se converte en “concello único”, accesible para calquera cidadán e compartindo toda a información dispoñible. Axilidade e seguridade xurídica, previsibilidade, certidume. A administración que os cidadáns reivindican. Nesa liña temos que ir».

Neste senso, dixo que os orzamentos para 2014 xogan tamén un papel fundamental para a prestación de servizos públicos esenciais en colaboración con outros niveis territoriais de goberno de carácter supraprovincial, «dende a nosa aportación aos GES, en colaboración coa Xunta de Galicia e coa Fegamp, pasando pola participación nos consorcios de bombeiros coa Xunta e mesmo a colaboración co Estado para a plena realidade da administración electrónica provincial».

 

REFORMA LOCAL

En canto ao proceso da reforma local, Manuel Baltar entende que se está a facer «unha lectura errónea e inxusta» das previsións do proxecto de lei respecto dos gobernos provinciais. «Porque é certo que o proxecto de lei potencia ás deputacións provinciais, pero o que non é certo é que esa potenciación se faga a costa da autonomía municipal».

O que o proxecto de lei prevé, afirma Baltar, con respecto ós municipios de menos de 20.000 habitantes, é que a deputación provincial pase a coordinar a prestación dos servizos de recollida de residuos, limpeza viaria, abastecemento domiciliario de auga potable, acceso a núcleos de poboación, pavimentación de vías e tratamento de residuos. «Desta maneira, a deputación deberá propoñer ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a forma de prestación destes servizos, que poderá consistir na súa xestión pola deputación ou na implantación de fórmulas de xestión compartidas como mancomunidades, consorcios e outras fórmulas». Pero o máis importante, en opinión do presidente provincial, é que esa proposta da deputación «debe realizarse sempre coa conformidade dos municipios interesados, e que esa xestión compartida sexa liderada pola deputación pero co acordo expreso dos municipios».

Manuel Baltar destacou que no ano 2014, a Deputación de Ourense completará a súa oferta para a xestión compartida da totalidade de servizos sinalada polo proxecto de lei para os concellos de menos de 20.000 habitantes, «partindo sempre da premisa do máis absoluto respecto á autonomía municipal. Empregando unha metáfora informática, trátase de converter á administración provincial nun servidor común ao que poidan conectar os concellos que o desexen, en condicións previamente negociadas con eles».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar