Louzán presenta no Parlamento uns orzamentos centrados no emprego e no apoio aos concellos

Louzán_comparecencia Parlamento

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, compareceu esta mañá na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para expoñer as principais liñas dos orzamentos que a institución está a preparar para 2014.
Uns orzamentos que, segundo salientou o presidente da Deputación, apostan “por investir nas persoas; polo apoio aos concellos para o mantemento e mellora dos servizos básicos, e polo investimento en infraestruturas prioritarias”.

Farase, ademais, “sen acudir a ningunha operación de crédito e destinando 14 millóns de euros á amortización de débeda, coa vista posta en que no horizonte de 2018 esta administración teña débeda cero”.Nos últimos dous anos, a Deputación Provincial reduciu a súa débeda en 44 millóns de euros, e en 2014 prevé amortizar outros 14 millóns, de forma que ao remate de 2014 a débeda se situará por debaixo do 40% dos recursos correntes.

Isto permite incrementar a capacidade de aforro, que está situada en 2014 en 52 millóns de euros o aforro bruto e en 38 millóns o aforro neto.É o froito, dixo Louzán, “dunha política orzamentaria rigorosa” que corrobora a “solvencia” da Administración provincial.

GASTO SOCIAL

Esta capacidade de aforro e control do endebedamento (que reducirá en 2014 a carga financeira nun 28% con respecto a 2013) van permitir que a Administración Provincial, malia contar cun orzamento un 1,7% inferior ao de 2013 e dotado de 146 millóns de euros, poida seguir apostando polo gasto social, a xeración de emprego e a cooperación cos concellos para a prestación de servizos básicos.

Neste sentido, os orzamentos prevén un investimento de 20 millóns de euros en política social e de emprego; 30 millóns de euros para plans de investimento nos concellos e infraestruturas municipais e deportivas; 14 millóns de euros para promoción da cultura e a educación, incluíndo o Museo de Pontevedra e preto de 20 millóns para conservación e mantemento de estradas.
No que respecta á atención social, Louzán lembrou que “é un capítulo que centrou historicamente o traballo da Deputación de Pontevedra (aí están servizos como Príncipe Felipe, a Teleasistencia, o financiamento dos servizos sociais básicos municipais, o apoio a colectivos de axuda aos máis desfavorecidos…) e que reforzamos notablemente nos últimos anos co obxectivo de facer fronte ao problema central deste país: o paro”.

Así, reiterou o compromiso da Deputación de seguir apostando por políticas de emprego “innovadoras” como as postas en marcha neste 2013, porque, malia que “non é competencia directa da Deputación, ningunha administración pode permanecer allea a esta lacra social que ameaza con frustrar o desenvolvemento do país”.

Louzán destacou que a iniciativa da Deputación –cun investimento de 25 millóns de euros– está a permitir que 4.000 pontevedreses poidan ter un traballo en 2013 dentro dos diversos plans de emprego postos en marcha.
En canto aos gastos de persoal, a Deputación prevé unha lixeira redución con respecto ao 2013, situándose no entorno dos 40 millóns de euros. Malia incluírse neste capítulo o custe laboral das persoas contratadas no marco dos anteditos plans de emprego, o gasto de persoal non chega ao 28% do orzamento.

Louzán subliñou que, pese a que aínda non son uns orzamentos expansivos “porque aínda non poden selo”, “son o que deben ser: reais e coherentes cos novos tempos”.


LIÑAS DE ACTUACIÓN

Louzán incidiu en que a deputación vai manter a súa “aposta decidida pola fixación do capital humano na nosa provincia, apoiando o talento que temos na nosa terra e poñendo os medios para que poidan desenvolver o seu labor en Galicia”, mentres que no eido das infraestruturas, considerou fundamental acudir en apoio dos concellos para que poidan executar obras prioritarias, porque “frear en seco calquera investimento supón deixar de executar obras necesarias e de prestar servizos imprescindibles para a calidade de vida dos cidadáns”.

Nesta liña, destacou a aposta da Deputación por ese “rescate inversor” dos concellos, que supuxo que nos últimos 5 anos a Administración Provincial destinou máis de 400 millóns de euros a infraestruturas básicas municipais. Unha labor que se suma “ao traballo que estamos facendo man a man cos concellos para conseguir uns servizos municipais máis eficientes, económicos e de calidade, por medio da prestación conxunta”, no que se vai seguir avanzando en 2014 co servizo provincial de recollida e tratamento de lixo e con outras liñas de cooperación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar