Fase final da exposición de fotografía, escultura e pintura do Certáme «Xuventude Crea»

Ovidio Rodeiro_Xuventude Crea

Santiago de Compostela acolle desde hoxe, e ata o próximo 14 de novembro, a exposición dos traballos finalistas da modalidade de artes plásticas (fotografía, escultura e pintura) do certame Xuventude Crea que organiza a Consellería de Traballo e Benestar.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe esta mostra na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na que exporán as súas obras un total de 20 finalistas.

No apartado de escultura, estarán os traballos dos finalistas: Basilisa Fiestas Cachafeiro, Luís González López e Rocío Fernández Pacio. Na modalidade de fotografía, exporán as súas obras Verónica Reboredo Blanco, Inés Salvado Gontad, David Soler Berini, Patricia Alonso Sande, Miguel Álvarez Fernández, Carla Fernández Andrade, Clara Baltasar Afonso, Sheila Pazos Silva, David Rodríguez Casas e Verónica Vicente Álvarez.

Pola súa banda, na especialidade de pintura mostrarán os seus traballos Mónica Domínguez Rodríguez, Sergio Fernández Martínez, Paula López Vallejo, Alexandra Agis García, Isabel Pazos Pose, María Jesús Armesto Martínez e Jacobo Bugarín Osorio.

Na edición de 2013, máis de 300 mozos e mozas de entre 16 e 30 anos participaron neste certame de creadores novos. En total, presentaron 238 traballos en 11 especialidades diferentes: música, teatro, deseño de xoias, moda ,artes plásticas, videocreación, banda deseñada, carteis, graffiti, poesía e relato breve.

Rodeiro destacou, ao respecto do Xuventude Crea, que é a “maior manifestación das posibilidades creativas da mocidade galega”. Ademais, resaltou que “avanzar neste terreo axuda a que os novos creadores descubran o potencial das súas aptitudes e fortalecen a súa confianza, para que se animen a elaborar proxectos e se preparen para ser os emprendedores do futuro creativo de Galicia”.

Polo tanto, os obxectivos fundamentais deste certame pasan por que os mozos e mozas poidan manifestar a súa inquedanza artística e cultural, ao mesmo tempo que se fomenta a creatividade xuvenil.

Ademais, o director desta área autonómica anunciou tamén que as coleccións dos seis finalistas da especialidade de moda estarán expostas desde o 6 de novembro no Corte Inglés de Vigo.

Os premios para os mellores de cada unha das 11 modalidades son de 3.000 euros para os gañadores, 1.500 para os segundos, e 1.000 para os terceiros. A maiores, os premiados en teatro e música poderán representar as súas creacións nunha serie de actuacións por distintos concellos galegos, mentres que os tres primeiros clasificados en artes plásticas terán a oportunidade de tomar parte en exposicións colectivas no Circuíto da creatividade xuvenil galega.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar