Ciclismo de montaña gratuito para coñecer Galicia

Nava Castro_ciclismo de montaña.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez inaugurou esta mañá o Centro BTT Portas de Galicia. O centro é froito do convenio de colaboración asinado entre Turismo de Galicia e a Asociación de municipios das comarcas de Monterrei e Conxo-Frieiras, así como cos concellos implicados para a xestión e promoción do Centro de Bicicleta Todo Terreo de Portas de Galicia.

O Centro BTT Portas de Galicia é un espazo ao aire libre, deseñado e preparado para os usuarios de bicicletas todo terreo, que posibilita o coñecemento do medio rural e natural a través da práctica do ciclismo de montaña. O Centro BTT Portas de Galicia é a segunda instalación destas características que se suma á Rede BTT Galicia. Xa existe un Centro BTT no Salnés. Os ciclistas que utilicen as rutas poderán entrar nos concellos de A Gudiña, A Mezquita, Riós, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

Segundo explicou a directora de Turismo durante o acto inaugural, as rutas presentan diferentes niveis de dificultade de modo que todo o territorio, de sur a norte, está conectado. Isto permite que a distancia entre Riós e Viana do Bolo, de case 130 quilómetros, se poida facer por etapas. Na Casa da Viúva na que nos atopamos sitúase o punto de acollida da zona sur. Na Casa da Cultura de Viana do Bolo sitúase o punto de acollida da zona norte.

Nos respectivos puntos de acollida, o Centro conta con información técnica e turística, coa posibilidade de alugar bicicletas e cascos, cun punto de lavado e instalacións como duchas e vestiarios. Tamén se dispón de paneis informativos que se poden ler tamén a través do uso de códigos QR. Estes códigos –así como a información- están, ademais de no punto de acollida, no punto de inicio de cada unha das doce rutas. Pode lerse a través dos smarthpones.

Toda a información sobre o centro, así como sobre as rutas e os mapas destas pode descargarse da web de Turismo de Galicia, no apartado de centros BTT. Poden baixarse tracks GPS das rutas e descargarse os mapas dos itinerarios.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, “a posta en funcionamento deste centro supón un novo pulo para a dinamización turística desta zona, a través do fomento de actividades de turismo activo que se poden combinar cos múltiples recursos turísticos dos que dispón a zona”.

Nava Castro engadiu ademais que “o perfil do turista mudou e agora os viaxeiros buscan ser o actor principal da viaxe, combinar varios produtos para obter experiencias completas e visións únicas dos destinos”. “É por isto que contar cun centro BTT dota este destino dun recurso asociado ao turismo activo e á natureza, a primeira razón pola que os visitantes nos escollen como destino”, explicou.

PEREGRINOS NA VÍA DA PLATA

A Vía da Prata rexistrou no que vai de ano máis de 8.500 peregrinos que recolleron a Compostela na Rúa do Vilar de Santiago. Isto supón un 7,5% máis que a cifra acadada o ano pasado nestas datas. De igual modo, a cifra de turistas que se aloxaron nos establecementos hoteleiros da provincia de Ourense no que vai de ano subiu un 0,6% a respecto dos nove primeiros meses do ano pasado e a cifra de pernoitas acadou unha suba do 2,2% no mesmo período.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar