Galicia supera a media estatal de acceso a Internet por conexión móbil

Vodafone_portátil_modem USB

A conexión móbil de banda larga está experimentando un significativo crecemento entre a cidadanía galega. O 30,5% dos fogares galegos con servizo de Internet contratado dispón de conexión móbil de banda larga a través dun dispositivo móbil e un 12,5% vía módem USB ou tarxeta, a través de ordenadores portátiles.

En ambos casos Galicia supera a media estatal, 3,6 puntos porcentuais no caso da conexión a través dun dispositivo móbil e en 2,1 puntos se a conexión móbil se realiza vía módem USB ou tarxeta. A pesar da significativa presenza da conexión móbil nos fogares galegos, o ADSL segue a ser a principal tecnoloxía de acceso á Rede contratada en Galicia (58,5%)

Son datos recollidos no informe temático “Internet e Banda Larga nos fogares galegos”, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O estudo indica tamén que o 64,8% dos usuarios galegos de Internet nos últimos tres meses utilizou algún tipo de dispositivo móbil para acceder a Internet fóra da vivenda habitual ou centro de traballo, superando en 8,8 puntos porcentuais a media estatal. Os dispositivos máis usados son denominados “de man” (teléfonos móbiles, PDAs,reprodutores de mp3/mp4, lectores de libros electrónicos, etc.), empregados polo 49,1% dos usuarios de Internet, mentres que ordenadores portátiles (entre os que se inclúen os tablets) son empregados polo 43,7% dos internautas.

Tipo de conexión e usos
As conexións sen fíos (WiFi, basicamente) son as máis utilizadas para os accesos en mobilidade no seu conxunto (51,7% dos usuarios), mentres que a rede de telefonía móbil é a elixida polo 42,6% dos internautas.

Entre os servizos de Internet usados por motivos particulares nos últimos tres meses cun dispositivo móbil destacan: recibir/enviar mensaxes de correo electrónico (75,1%), participar en redes sociais (68,5%), ler ou descargar noticias, xornais ou revistas de actualidade en liña (65,5%). A lectura ou descarga de libros electrónicos é a actividade menos habitual. O 45,8% das persoas ocupadas que accederon a Internet utilizando un ordenador portátil ou un dispositivo de man fóra da súa vivenda habitual ou centro de traballo nos últimos tres meses, declara que realizou tarefas de tipo profesional

Extensión da banda larga e análise en clave sociodemográfica
Segundo se recolle no informe un 56,3% de fogares galegos dispón de conexión a Internet e un 53,1% ten contratada unha conexión de banda larga. O ritmo de crecemento da banda larga en Galicia no intervalo 2008-2012 foi dun 67% e en España dun 49,6%.

Na contratación de internet inciden de xeito importante as variables xeográficas e demográficas de cada zona. A análise do Osimga pon de manifesto que a contratación de banda larga aumenta a medida que o fai o número de habitantes do concello ata acadar un 64,4% nos municipios con máis de 50.000 habitantes fronte ao 32,8% dos concellos de menos de 5.000 habitantes.

A idade media da poboación indica tamén unha correlación coa contratación de banda larga. Con carácter xeral, nas comarcas con idade media inferior aos 46 rexístranse as porcentaxes medias máis elevadas de fogares con banda larga, entre o 50 e o 60%. Na maioría das comarcas con idade media máis elevada (superior aos 54 anos) a porcentaxe de contratación sitúase por debaixo do 40%.

O factor económico é outra variable que incide no grao de contratación de banda larga. Un 83% dos fogares con renda superior a 3.500 euros teñen banda larga fronte ao 19,7% dos fogares con ingresos inferiores aos 600 euros.

A composición do fogar garda de novo una evidente relación coa banda larga. Un 71,2% dos fogares compostos por 4 membros contan con banda larga fronte ao 31,4% dos fogares unifamiliares. A presenza no fogar de nenos en idade escolar obrigatoria consolídase como un factor significativo para a contratación de banda larga. O 68,4% dos fogares onde residen nenos dispoñen de conexión a banda larga, 20,1 puntos máis que no resto de fogares.

Razóns para non contratar internet
De entre os fogares galegos que non dispoñen de acceso a Internet, unha ampla maioría apunta como causa desa carencia que perciben que “non o necesitan” (45,3%). Cuestións económicas, como o prezo da conexión ou dos equipos, son factores a ter en conta para un 34,2% dos fogares galegos que non teñen Internet. Hai outros aspectos, como a falta de coñecementos para utilizalo, que serve de argumento para un 25,6%

Dispoñible na web www.osimga.org
O informe “Internet e Banda Larga nos fogares galegos”, baséase nas preto de 8.000 enquisas realizada polo Osimga e o IGE e información procedente do INE sobre a conexión móbil a Internet e nos últimos datos publicados pola Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT).

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.org

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar