20 anos do Centro Galego de Arte Contemporánea

O conselleiro de Cultura durante a visita guiada ao CGAC.
O conselleiro de Cultura durante a visita guiada ao CGAC.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, realizou hoxe unha visita guiada polo Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC), co gallo da celebración do vixésimo aniversario do nacemento desta institución, referente de divulgación museolóxica da arte contemporánea no ámbito ibérico e latinoamericano. O centro, que conta cun rico programa de actividades neste ano 2013, está sumido nesta fin de semana dentro dunha serie de actividades especiais, como visitas guiadas ás coleccións, itinerarios para coñecer o edificio ou diversas ofertas musicais, levadas a cabo con motivo do día no que o centro cumpre dúas décadas desde a súa apertura, o 29 de setembro de 1993.

Neste momento pódense visitar no CGAC unha retrospectiva da obra do arxentino Víctor Grippo; unha mostra con pezas do autor londinense Graham Gussin; e a exposición do brasileño Ricardo Basbaum que, ata mediados do mes de outubro, estarán expostas no CGAC. Así, o programa de actividades deste ano 2013, conmemorativo da celebración dos seus vinte anos de existencia do museo, aposta por autores con traxectorias consolidadas, mais con obras insuficientemente coñecidas no noso ámbito e que, de feito, se presentan por primeira vez en España nunha mostra individual. É o caso de Ricardo Basbaum e Graham Gussin, así como tamén, a xa pechada mostra do portugués Miguel Palma.

Ademais, o Centro Galego de Arte Contemporáneo xa contou de marzo a xuño coa proposta dun dos nomes fundamentais da fotografía contemporánea na actualidade, o estadounidense James Welling, que presentou a súa primeira obra institucional en España, The Mind on Fire.

No marco da programación especial desta fin de semana, na xornada de onte tivo lugar unha mesa redonda sobre o CGAC de Álvaro Siza, na que o arquitecto galego Manuel Gallego Jorreto e o portugués Nuno Grande achegaron cadansúa visión do edificio. Ademais, mantivo as súas portas abertas ata a media noite de xeito que o público puido combinar a asistencia a diferentes ofertas musicais coa visita ás exposicións. Na xornada de hoxe realízanse diversas propostas para dar a coñecer entre a cidadanía os fondos do centro e a arquitectura do edificio, do mesmo xeito que se deu a posibilidade de visitar a colección propia do CGAC e de aprender algo máis sobre o seu funcionamento, como a xestión da adquisición de obras, os artistas que integran o fondo ou as principais pautas de conservación.

Esta xornada de domingo rematará coa presentación de dúas obras. Ás 18:00 horas será a quenda do libro Algo ‘Algo máis de cor. Terapia habitación de hospital’, un proxecto da asociación cultural Sen Marco coa artista Mónica Alonso. Finalmente, ás 19:00 horas terá lugar a presentación do catálogo da exposición ‘Eugenio Granell e o cine: unha película de vinte minutos’, coa participación de Natalia Fernández Segarra, directora do Museo-Fundación Eugenio Granell, e de Eduardo Valiña, comisario da exposición.

A programación deste ano concluirá coa exposición do proxecto “93”, que se presenta coma un corte na historia centrado na produción artística dese ano, pretendendo conmemorar o ano da fundación do CGAC a través dunha mirada cara a creatividade internacional nese período. Nese sentido, a obra amosa tanto o traballo nas artes visuais coma noutros campos da creatividade como a música, o universo editorial e gráfico e a contextualización dos acontecementos máis significativos do ano referido.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

O CGAC ten aberto un programa de visitas guiadas desenvolvidas por profesionais do ámbito cultural e artístico para todos os colectivos que o soliciten, mais centrado sobre todo nos escolares e estudantes de Galicia e o público con necesidades especiais. Ademais, conta tamén cun programa de talleres dirixido aos públicos máis novos, o infantil e xuvenil, así como seminarios e xornadas que sirvan para achegar aos colectivos que integran a comunidade educativa e artística aquelas visións e ferramentas que posibiliten o achegamento á complexidade. Do mesmo xeito, con estas mesma xornadas preténdese achegar á comunidade educativa e artística diferentes xeitos de estudar e difundir a arte contemporánea co fin de xerar públicos críticos.

Por outra banda, o CGAC tamén programa a cuarta edición do ciclo de concertos “Música e Arte”, que vincula a creación plástica e visual coa musical e comprende catro concertos inspirados nas exposicións de Miguel Palma, James Welling, Ricardo Basbaum e Graham Gussin. A última actuación terá lugar o día 8 de outubro. Ademais, na segunda quincena dese mesmo mes, o CGAC, en colaboración co Concello e a Universidade de Santiago de Compostela e o Centro Nacional de Difusión Musical, levará a cabo a segunda edición das Xornadas de Música Contemporánea, que achegarán propostas moi diversas dentro deste ámbito musical.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar