Arderon 8.000 hectáreas, a terceira parte do promedio de 20 anos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo hoxe unha primeira avaliación da campaña contra os incendios que se está a desenvolver na Comunidade Autónoma que, segundo os datos recollidos ata as 21:00 horas do 28 de agosto, reflicte que a superficie afectada ata o de agora é de 7.900 hectáreas, un terzo da media das últimas dúas décadas; e que dos 1.906 incendios rexistrados durante esta campaña, 1.483 acadaron menos dunha hectárea.

“Somos conscientes de que estamos en plena campaña e, polo tanto, somos conscientes de que este balance, pechado sobre as 21:00 horas do 28 de agosto, non é máis que un balance orientativo, e en ningún caso pode ser un balance que nos dea optimismo”, asegurou o presidente galego.

O mandatario galego quixo poñer de relevo o “extraordinario labor” que están a realizar os 7.000 efectivos contra incendios que traballan nos montes galegos e, para destacar a súa eficacia, achegou un dato que considerou “clarificador”: que dos 1.906 incendios rexistrados durante esta campaña, 1.483 tiveron menos dunha hectárea.

Este intenso traballo dos equipos de extinción, en palabras do presidente, fai que neste momento a cantidade de hectáreas ardidas “sexa inferior á maioría dos anos anteriores”. Así, sinalou que, a data de onte, o número de hectáreas afectadas é un terzo da superficie media que resultou afectada nas últimas dúas décadas. “A media entre o ano 1998 e 2012, a data de onte, 28 de agosto, era de 23.918 hectáreas; hoxe, temos 7.900 hectáreas, é dicir, un terzo da media das últimas dúas décadas”, esgrimiu.

Segundo precisou, desde o 1 de xaneiro ata o 28 de agosto deste ano, rexistráronse un total de 1.906 lumes e a superficie total afectada son 7.903 hectáreas; a maioría delas, case 5.000, de monte raso e, menos de 3.000, de monte arborado.

Non obstante, a pesar de que os datos están a ser mellores en comparación con calquera período doutros exercicios, Feijóo salientou que o Goberno galego permanece “alerta” porque a campaña contra incendios apenas se atopa no seu ecuador. “Imos seguir traballando e imos seguir animando aos 7.000 profesionais que traballan nos montes e nos bosques para preservar o patrimonio de todos”, dixo, e apelou a que se extremen as precaucións para evitar neglixencias e ao traballo conxunto. “Somos todos os que temos que traballar: as brigadas, o Goberno a Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica e o exército” en tentar concretar e sinalar aos presuntos incendiarios.

Situacións que non son “nin naturais nin casuais”
O presidente da Xunta recoñeceu que “é evidente que os lumes forestais se están concentrando en determinados concellos, que os incendios máis grandes se producen en varios focos ao mesmo tempo e que, dentro das 24 horas do día, a hora onde se inician máis lumes é entre as 23:00 horas e a medianoite.

Así e todo, o mandatario galego expresou a súa preocupación polas as 7.903 hectáreas que levan ardido neste ano e, sobre todo, pola intensidade advertida nas últimas semanas. Feijóo reiterou que “os balances se fan ao final” e manifestou a preocupación do Executivo galego por cada lume acontecido por causa natural, prendido por algunha neglixencia e, sobre todo, por aqueles provocados intencionadamente.

Así mesmo, apuntou como nestes días en concellos como Cualedro, Oia ou Ribeira se están a dar situacións concretas ao rexistrarse lumes que “non son nin situacións naturais nin situacións casuais” e que “están sendo investigadas polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e da Comunidade Autónoma”.

Nesta liña, puxo como exemplo o incendio rexistrado no concello do Barco de Valdeorras do pasado 18 de agosto que, dixo, “tivo 20 focos simultáneos ao longo de 1 quilómetro” entre as 00:00 horas e a 01:00 da madrugada. Tamén o incendio de Cualedro, do 24 de agosto, que, segundo dixo, se iniciou con dous focos distantes de 500 metros entre si, ás 12:00 da mañá, outro terceiro foco paralelo ás 17:00 horas, e dous novos focos ás 23:00 horas no mesmo día.

De igual xeito, os incendios no concello das Neves, sinalou, empezaron na madrugada do 24 ao 25 de agosto con cinco lumes en menos de seis horas. Ou o incendio do Concello de Ribeira do 27 de agosto, con cinco focos diferentes e separados a ambas as dúas marxes da autovía do Barbanza.

“É evidente que estamos ante indicios racionais de intencionalidade en determinados incendios; especialmente, naqueles que presentan máis aparatosidade e cunha maior superficie afectada”, recoñeceu. Unha situación que, segundo dixo, se incrementa pola presenza do forte vento que está a soplar na Comunidade Autónoma os últimos días.

Proseguiu a súa intervención asegurando que moitos dos incendios teñen en común a súa orixe en puntos próximos ás vías de comunicación ou a vías de transporte. E puxo como exemplo ilustrativo o lume do pasado 27 de agosto na parroquia de Palmeira, que foi orixinado en cinco puntos diferentes dous dos cales se atopaban a unha beira da autovía e outros tres á outra beira.

Sobre cifras totais de lumes por concellos nos últimos sete días, entre o 21 e o 28 de agosto, destacou que nas Neves se rexistraron 28 incendios nunha semana; en Ribeira 14 incendios; en Vilamartín, 14 incendios; e en Cualedro 13. Ademais, indicou que os concellos máis afectados polo número de lumes no que levamos de campaña entre xaneiro e agosto son As Neves, con 49 incendios; Tomiño, con 37; Ourense, con 31; Carballo, con 27; Ribeira, con 27; Verín, con 25; e Dozón, O Porriño e Salceda de Caselas, con 21 respectivamente.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar