Novo paso no impulso termal de Ourense

 

Deputación Ourense_acordo termal Cenlle

A Deputación de Ourense cofinancia cunha achega de 30.000 euros a nova área termal de Cenlle, ubicada en Barbantes Estación, que ven a sumarse a ampla oferta termal da provincia de Ourense, neste caso, orientada preferentemente á tempada de verán. Este novo entorno termal consta de tres pozas de augas mineiro-medicinais que manan a 25 graos de temperatura, e atópase ao carón do río Miño, entre os paseos fluviais de Laias e Barbantes. Ademais das pozas -de uso público e gratuíto- o entorno conta con vestiarios, baños, zona de merendeiro, parque infantil e biosaudable e unha cafetería con terraza.

O investimento total do proxecto ascende a 130.000 euros, dos que a institución provincial achega 30.000 €, os fondos Agader 80.000 € e o Concello de Cenlle 20.000 €. Ademais da achega de fondos, a Deputación de Ourense encargouse da dirección técnica do proxecto, que foi realizada polo Servizo de Augas e Medio Ambiente da institución provincial.

Esta iniciativa é o primeiro paso dun proxecto máis amplo para potenciar conxuntamente toda a oferta termal do municipio de Cenlle, que inclúe os recursos do balneario de Laias, a creación dun circuíto permanente de orientación deportiva polo paseo fluvial de máis de tres quilómetros, e rutas de sendeirismo que percorren 45 quilómetros do termo municipal.

CLUSTER TERMAL

Por outra banda, no vindeiro mes de setembro iniciaranse as reunións de traballo do Clúster Termal, unha iniciativa na que participarán a Deputación de Ourense e os balnearios da provincia co obxectivo de mellorar a competitividade do sector termal na provincia de Ourense.

Desta maneira, a institución provincial dentro da súa aposta por potenciar o ámbito termal, da resposta á solicitude plantexada polos balnearios para crear unha AEI (Agrupación Empresarial Innovadora) coa finalidade de elevar a competitividade do sector termal na provincia.

A AEI agrupará a empresas e entidades de referencia co propósito de favorecer un termalismo innovador orientado a dar resposta aos constantes cambios que se producen no sector, e coa idea de crear novos produtos e abrir novos mercados. Asemade, a nova entidade implementará un modelo provincial sostible que involucre a diferentes axentes baixo o enfoque común do aproveitamento en termos de actividade económica dun recurso endóxeno de gran valor como é o termalismo.

Trátase de buscar un «modelo de colaboración  e innovador» na xestión dos intereses comúns das empresas e institucións involucradas nesta iniciativa. Neste senso, un elemento principal do Clúster Termal será o vínculo xeográfico e de interese polo recurso termal como base para la execución de proxectos conxuntos.

A Deputación de Ourense e os balnearios da provincia plantexarán e analizarán na primeira reunión de setembro un cronograma de traballo para acadar os obxectivos fixados, así como o interese por dar continuidade e ampliar no ano 2014 a cooperación entre a institución provincial e os balnearios iniciada xa este ano por medio do programa de «Termalismo Saudable».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar