Os emigrantes retornados contarán con subvencións para o autoemprego

 

Emigrantes retornados

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asina a resolución que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia, que regula as subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes retornadas e dos seus familiares directos.

Estas subvencións, cun tope máximo de seis mil euros por solicitude, son compatibles e complementarias ás axudas establecidas para a poboación galega xeral por parte da Consellería de Traballo e Benestar. Estoutro departamento autonómico presentou a pasada semana unha liña de financiamento de 15,6 millóns de euros para apoiar o establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia; ademais, fixo públicas as bases reguladoras do programa das iniciativas emprendedoras e de emprego, que conta cun orzamento de 4,5 millóns de euros, e ten por obxecto xerar emprego estable para persoas desempregadas, principalmente entre a xuventude e mulleres; e estas iniciativas, asemade, complétanse con outros preto de 4 millóns de euros para incentivar, por primeira vez, a contratación indefinida de ata tres traballadores, unhas axudas xa publicadas no DOG o pasado mes de xuño.

Con estas liñas de subvencións ao emprendedor, o Goberno galego materializa o seu compromiso de apoiar a creación de novas empresas radicadas en Galicia e loitar contra o desemprego. No caso concreto da orde de Emigración, preténdese que o retornado aproveite a bagaxe, coñecementos e experiencias profesionais e persoais acadados no Exterior en beneficio de toda a comunidade, cree novos postos de traballo ao tempo que consolida a súa volta á terra, e mesmo contemple Galicia como destino para o investimento do seu patrimonio.

Esta orde persegue que o retornado poda beneficiarse desta liña específica de axudas para o seu proxecto de autoemprego ou empresarial, pero sobre todo que lle serva de reclamo para coñecer as establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar para a poboación xeral.
ESTÍMULO PARA OS PROXECTOS NA VOLTA

Desta maneira, incentívase que os proxectos que teñan en mente as persoas de volta na Comunidade tomen forma canto antes, e axuden á recuperación do tecido económico na Galicia territorial, a través de iniciativas nadas dentro e tamén fóra do territorio, especialmente aquelas xeradas a raíz de experiencias profesionais no Exterior. Asemade, conséguese engadir viabilidade aos proxectos do galego residente arestora fóra da súa terra.

A iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración subvenciona os gastos iniciais que leva consigo o establecemento das persoas emigrantes retornadas e os seus familiares directos ben como traballadores autónomos ou por conta propia, ou ben como socios traballadores de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado. Así, son obxecto de subvención para os destinatarios ata o 80 por cento dos gastos de notario e rexistro, taxas, licencias administrativas, material de oficina non inventariable, e honorarios profesionais externos, cun tope de axuda de 3.000 euros para autónomos e 5.000 para sociedades laborais ou cooperativas, con 1.000 euros a maiores se a persoa solicitante ten 39 anos ou menos.

OS REQUISITOS

Os requisitos que contempla a orde é cumprir a condición de emigrante retornado (nacionalidade española e que non transcorrera máis de dous anos desde a volta a España), que teña fixada a súa residencia en Galicia, e que estea dado de alta nalgúns dos réximes da Seguridade Social ou mutualidade do Colexio Profesional que lle corresponda. O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 15 de novembro.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar