O concelleiro socialista Bernardino Rama declara durante 5 horas na Operación Pokémon

Bernardino Rama_micros
O concelleiro socialista en Santiago Bernardino Rama, responsable de obras co goberno municipal de Xosé Sánchez Bugallo, afirmou sentirse «máis tranquilo» despois de declarar durante cinco horas ante a xuíza que instrúe a ‘Operación Pokémon’, Pilar de Lara.

Rama, que entrou nos xulgados de Lugo sobre as 9.35 horas –10 minutos antes que Lara– e abandonounos sobre as 16.10 –despois dun receso de media hora entre as 13.15 e as 13.45 horas–, acudiu como imputado por tráfico de influencias, revelación de segredos e suborno.

En declaracións aos medios á súa saída, o edil asegurou estar «máis tranquilo» e destacou que respondeu a todo o que lle preguntou a maxistrada.

Tamén a cuestións dos xornalistas, o seu avogado, Javier Álvarez-Santullano Pino, sinalou que, tras este paso, o concelleiro PSOE na Casa do concello compostelano espera que se arquive a causa contra el.

«Foi unha declaración moi ampla, sobre puntos moi concretos, Bernardino contestou a todo, sen dúbidas, sempre con firmeza, unha declaración correcta, todo moi ben», subliñou o seu avogado.

«Consideramos que Bernardino, e así parece resultar das declaracións, non ten ningunha intervención de tipo delituoso», agregou antes de esperar «que pronto se arquive a causa para el», posto que «no caso doutros imputados é distinto».

Álvarez-Santullano Pino indicou que non se lle impuxo «ningunha medida preventiva» a Bernardino Rama e apelou ao segredo de sumario para non achegar máis datos. Si opinou que «a xuíza estivo moi correcta en todo momento» e que quen non estivo presente foi o Ministerio Fiscal.
«MOI SATISFEITO»

Rama, pola súa banda, asegurou estar «moi satisfeito» do seu paso polos xulgados de Lugo. «Saio muchísimo máis tranquilo agora que cando entrei», resaltou, malia recoñecer que «non é doado para nada vir a un acto ao xulgado».

«Eu díxenlle a miña verdade á señora maxistrada», dixo, antes de insistir en que se atopa «contento de responder a todas e cada unha das preguntas» que se lle fixeron.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar