Cultura afrontará actuacións no patrimonio histórico-artístico da Igrexa

Conselleiro Vázquez Abad_arcebispo Xulian Barrio

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe co arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio Barrio, un convenio de colaboración para a realización de diferentes intervencións no patrimonio histórico e artístico de titularidade eclesiástica de Galicia. Segundo este acordo, a Consellería de Cultura e Educación investirá 97.428 euros para a conservación e restauración de diferentes bens inmobles protexidos polo seu valor cultural.

A ‘Subcomisión de Conservación do Patrimonio Histórico Artístico e Documental da Igrexa Católica en Galicia’, integrada por técnicos das dúas institucións signatarias, decidirá que actuacións se levarán a cabo tendo en conta sempre as necesidades e a relevancia dos bens a protexer e conservar. O importe da subvención distribuirase entre as dioceses que abranguen o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en función dunhas porcentaxes calculadas tendo en conta o número de parroquias e habitantes pertencentes a cada una delas. As dioceses que van realizar as obras ao abeiro do convenio asinado son as de Santiago de Compostela, Mondoñedo-Ferrol, Ourense, Tui-Vigo, Lugo e a diocese de Astorga, no seu territorio situado dentro da comunidade galega.

O obxectivo deste convenio é garantir a conservación e promover o enriquecemento do patrimonio histórico, artístico e documental da Igrexa Católica en Galicia, dada a singular importancia cultural que representa este legado na nosa Comunidade Autónoma. As actuacións de protección e conservación a realizar atenderán principalmente á recuperación e conservación de inmobles.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar